Educación ampliará o instituto de Caldas cando teña os terreos

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Capotillo

A conselleira Carmen Pomar anunciou un investimento de máis dun millón de euros

09 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

É unha vella demanda da comunidade educativa e do Concello de Caldas de Reis. Ampliar o IES Aquis Celenis para atender o incremento de alumnos en ESO e sobre todo en bacharelato. A conselleira de Educación, Carmen Pomar, anunciou este venres que o seu departamento ten previsto licitar o proxecto de ampliación do instituto en canto o Concello poña a disposición os terreos para levar a cabo a actuación.

A obra consistirá na ampliación para habilitar aulas polivalentes de ESO e de bacharelato e na reforma das aulas de música, debuxo e salón de actos. Desde a consellería apuntouse que ademais se estudará a posibilidade de implantar a FP Básica no Aquis Celenis en función da demanda existente no municipio.

Pola súa banda, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey (PSOE), mostrouse satisfeito co compromiso anunciado por Educación, pero remachou que a iniciativa para ampliar o instituto partiu do equipo directivo do Aquis Celenis e do Concello. «Todo isto partiu da Semana da Ciencia, cando o inspector elaborou un informe sobre as necesidades educativas futuras e a posibilidade de implantar a FP Básica», sinalou o rexedor. Respecto da posta a disposición dos terreos necesarios para ampliar o centro educativo, indicou que son necesarios dous miles metros cadrados, que o Concello ten aínda que comprar.

Carmen Pomar tamén visitou este venres o colexio público integrado (CPI) Alfonso VII de Caldas, onde o seu departamento realizou o pasado ano unha obra para mellorar a eficiencia enerxética por un importe de adxudicación de case 550.000 euros. Renováronse as fiestras por outras de aluminio e cambiáronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, ademais de illar a fachada mediante inxección en cámara. Tamén se substituíron as persianas e as súas caixas. Todo iso para conseguir un aforro enerxético anual do 29 %.

A titular de Educación destacou que tanto o instituto como o Alfonso VII son centros plurilingües. O colexio conta ademais con sección bilingüe e participa no proxecto de libro dixital E-Dixgal. Ambos desenvolven contratos-programa, no caso do Aquis Celenis ata en cinco liñas de actuación diferentes.

A conselleira tamén se desprazou ao CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis, para comprobar o resultado das obras de reparación dos danos ocasionados recentemente por unha avaría na subministración de auga.