Medio Ambiente avala que o incendio de Ence non afectou á calidade do aire en Pontevedra

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

08 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

A directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira, explicou na comisión de Medio Ambiente, no Parlamento de Galicia, que o incendio que afectou a unha torre de refrixeración de Ence en decembro, non tivo repercusión na calidade do aire, nin produciu ningunha vertedura nin afección ao medio ambiente. Ferreira, que compareceu a petición do deputado de En Marea, Marcos Cal, sinalou que o lume se produciu durante o desmantelamento dunha torre de refrixeración, cando entraron en contacto partículas incandescentes con material plástico das instalacións.

A representante autonómica explicou as conclusións da acta de inspección da Xunta e do informe da empresa. Coinciden en que non se produciu ningún impacto nin na calidade do aire nin na contorna.

Ferreira afirmou que os técnicos da Xunta preocupáronse explicitamente pola posible afección ao chan ou as augas e tamén pola xestión dos residuos producidos para apagar o lume. Non houbo vertidos, a auga empregada depurouse e os residuos tratounos un xestor autorizado. Sobre o aire, as estacións «non reflectiron alteracións fóra do normal nos parámetros que se controlan».