Medio Ambiente convocará axudas para a rehabilitación das vivendas na illa de Ons

Marcos Gago Otero
m. gago BUEU / LA VOZ

PONTEVEDRA

07 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou na súa visita a Bueu a convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas na illa de Ons, ao amparo dun plan ARI e con subvencións de 16.000 euros como máximo, variables en función da renda, máis outros dous mil euros para a urbanización ao redor dos inmobles.

Estas subvencións para a área de rehabilitación de Ons só poderán aplicarse a vivendas que teñan uso residencial na actualidade ou despois da súa reforma. As actuacións que cubrirá este programa son obras de restauración, conservación e rehabilitación, ademais de medidas para a mellora da eficiencia enerxética, a súa accesibilidade e a súa habitabilidade.

En canto á urbanización terase en conta a mellora da accesibilidade e das instalacións xerais. Tamén se permitirán actuacións en espazos públicos en pavimentación, mellora das redes de rega, mobiliario urbano e xardinería.