PortAmérica mostra a súa cara máis solidaria e planta 1.200 árbores no monte Xiabre

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Capotillo

A iniciativa busca compensar o dióxido de carbono xerado polo festival e axudar a recuperar terreos queimados

21 ene 2019 . Actualizado ás 12:02 h.

Preto de trescentos participantes, entre inscritos e voluntarios da Comunidade de Montes de Saiar e institucións, secundaron este domingo a chamada do Festival PortAmérica para a súa xornada de reforestación no monte Xiabre. A organización acertou co cambio de día, xa que o sábado choveu moito máis. PortAmérica non vive só de música e gastronomía e o compoñente solidario e sostible é tamén aceno de identidade do festival que naceu en Nigrán e que desde o 2017 celébrase en Caldas de Reis.

Que se fixo e para que no monte Xiabre? Foi unha plantación de árbores nas parcelas denominadas Pedramina, unha extensión aproximada de 40.000 metros cadrados propiedade dos comuneiros de Saiar. A previsión era plantar 2.500 pés de catro especies: castiñeiro, cerdeira, bidueiro e carballo. Ao final fíxose case a metade, e o resto acabarano este luns entre a Comunidade de Montes de Saiar, a Consellería de Medio Rural e a Escola de Capataces de Lourizán. A iniciativa do festival tiña tres obxectivos: compensar as máis de 13 toneladas de dióxido de carbono xeradas pola celebración de PortAmérica no 2017 e o 2018; axudar a recuperar os terreos queimados nos incendios de hai dous anos; e realizar unha devasa con especies frondosas que axude a evitar a propagación das chamas.

Os participantes foron chegando ás dez da mañá ao campo de fútbol de Saiar, zona que serviu como aparcadoiro e punto de rexistro. Alí establecéronse os equipos, todos cun coordinador e asesoramento técnico. Por que castiñeiros, cerdeiras, bidueiros e carballos? Desde o festival apuntaron que o castiñeiro é unha frondosa «de elevada importancia porque axuda a diminuír a propagación de incendios, proporciona froitos e tamén madeira de calidade para fabricación de mobles, entarimados e instrumentos musicais».

As cerdeiras, pola súa banda, «axudan á recuperación e fixación da fauna salvaxe, proporcionando alimento a moitas especies de mamíferos, aves e insectos polinizadores». O bidueiro, especie caducifolia, «favorece a biodiversidade e a rexeneración da paisaxe», mentres que o carballo axuda a recuperar a cobertura vexetal e a perda de chan nas zonas máis degradadas dos incendios forestais.