Cando a superación excede a aula

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Os estudantes pontevedreses Joaquín Xusto e Andrea Núñez reciben o premio de ESO ao esforzo

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Son sin duda dous exemplos dun esforzo e superación persoal que exceden con moito o académico. Os alumnos pontevedreses Joaquín Xusto Izquierdo , do IES A Xunqueira I, e Andrea Núñez Martínez, do IES Frei Martín Sarmiento, figuran entre os vinte estudantes de Galicia que acaban de ser recoñecidos pola Consellería de Educación co premio de ESO (ensino secundario obrigatorio) ao esforzo e á superación persoal correspondente ao curso 2017/2018. Ambos lograron acabar os catro cursos da ESO. O primeiro a pesar das dificultades familiares, e a segunda, batallando contra unha grave enfermidade que hoxe a ten ingresada nun hospital á espera dun transplante.

A Joaquín Xusto, de 17 anos, chovéronlle este mércores as felicitacións no seu instituto por parte do equipo directivo do IES A Xunqueira I e doutros profesores. Este mozo nado en Cambados e residente na cidade cursa 1º de bacharelato de Ciencias Sociais. Tras saír bastante satisfeito dun exame de Economía saúda aos seus orgullosos pais, Águeda Izquierdo e Pablo Xusto, que o agardan no despacho da directora. «Orgullosos xa estabamos del aínda que non lle deron o premio», recoñecía minutos antes a súa nai. E é verdade.

«Non me agardaba o premio para nada porque a verdade é que me custou acabar a ESO. O cambio do colexio no que estaba ao instituto notouse», conta Joaquín. Este adolescente explica que o seu «soño imposible», como el di, sería ir á universidade, estudar Medicina e dedicarse ao campo da neuroloxía. «Atráeme saber como funciona a mente. Como sei que é un soño imposible, ao que aspiro, se acabo o bacharelato, claro, é a estudar Psicoloxía. De momento é a miña única opción, supoño que querer ser psicólogo veume dos meus pais». No seu instituto apoio non lle vai a faltar para que consiga aprobar os dous cursos do bacharelato.

O mozo é consciente de que o obxectivo é ambicioso, pero non renuncia. Sabe moito de superar obstáculos e situacións difíciles. Viviuno desde pequeno na súa casa, onde ás dificultades económicas da familia sumáronse outras de saúde. A Joaquín gústalle chamar ás cousas polo seu nome e desvela que os seus pais padecen unha enfermidade mental. Sostén que a súa infancia non foi complicada, pero si diferente á dos seus compañeiros. «A miña nai ten un leve atraso e un trastorno bipolar e o meu pai, esquizofrenia paranoide. Talvez tiven que madurar antes que o resto, pero agradézoo».

Joaquín saca tempo de onde pode para o grupo de teatro e o coro do instituto. Ademais imparte clases de patinaxe -«unha hora á semana»- e el tamén recibe clases de patinaxe artística. Como calquera adolescente, o seu escaso tempo de lecer repártese entre saír cos seus amigos e ver películas. «Son moi cinéfilo, gústanme as películas fantásticas e desde pequeno tamén me gusta escribir historias, aínda que non se me dá moi ben», asegura.

Joaquín non está interno en Príncipe Felipe , pero come e estuda boa parte da tarde neste centro. Ademais do recoñecemento e de servir como exemplo, o premio ao esforzo e á superación persoal da consellería implica unha dotación económica de 750 euros. Que pensa facer co diñeiro?, pregúntaselle. «Aforrar para a universidade», responde . Ese é o consello que lle deu a súa nai, pero Joaquín merécese algún capricho. Algún haberá non? «Igual si, xa veremos». E regresa a clase.