Nenos do Carballal defenden Marín regueifando en Youtube

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEIP DO CARBALLAL DE MARÍN

Os alumnos do colexio elaboran un vídeo onde fan gala do acento cantarín da localidade

12 dic 2018 . Actualizado ás 16:48 h.

«Es de Marín?», pregunta un grupo de nenos. A resposta non se fai esperar, «si, si» e, con esta pregunta e a súa orgullosa réplica como eixo os alumnos de cuarto curso do CEIP O Carballal van desarmando os tópicos contra a súa vila natal utilizando o tradicional duelo verbal das regueifas. Céntranse no acento, cantarín coma poucos, que identifica con facilidade aos marinenses e que é moitas veces obxecto de burla. Os pequenos convérteno nun sinal de identidade e nun motivo de aprecio polo seu concello. Esta é unha actividade organizada pola biblioteca do centro -O Recuncho de Tambo- e o equipo de dinamización de Lingua Galega, dentro do proxecto didáctico integrado Marín, de todo un chisquín.

E no estribillo, os 45 alumnos participantes rescatan unha frase que describe, por si soa, a unha das parellas máis famosas da TVG, no que se coñeceu como o Balan Vladimir Tour. A frase memorable para moitos galegos dos anos noventa é «para o carro, a modiño Vladimir», que popularizou aínda máis a figura do marinense John Balan. Letra, melodía e storyboard foron compostos polos nenos e os arranxos musicais o fixo do seu profesor Víctor Castro. O resultado pódese escoitar na web de La Voz de Galicia ou na do seu colexio.