Invictas e peleonas pola igualdade

Nieves D. Amil
neves d. amil PONTEVEDRA / LA VOZ

DEPORTES

Ramón Leiro

O Viaxes Interrías non coñece a derrota e é o segundo equipo máis goleador da tempada con 59 tantos, once en só a última xornada

28 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

As mozas da Viaxe Interrías volveron onte aos adestramentos despois de ter gañado a fin de semana 11-0 ao pechacancelas. É un resultado avultado consecuencia dunha tempada na que non coñecen a derrota, pero tamén, como di o seu adestrador, Luis Treviño, froito do desequilibrio da competición. «Ascenderon o ano pasado porque quedou unha praza e foi un premio, pero tamén é un marrón. Só tiñan once xogadoras e a unha delas chegoulle a dar unha crise de inquedanza, non lle saían as cousas, tivemos que convencelas no descanso para que seguisen xogando», explica o técnico do equipo, que recoñece que «un non pode sacar peito destas cousas».

Esa filosofía do deporte marcada pola humildade e o sacrificio é a que inculca Treviño ás súas mozas. El fala en feminino. Vive para o deporte feminino, pero asegura que queda un longo camiño por percorrer. Os pequenos avances son só pinceladas de cambios. «Se alguén ten sorte de ver o que hai no resto de Europa ou no Mediterráneo, xa se ve que en Galicia estamos á cola», indica. O Viaxes Interrías está en Primeira Autonómica, o que equivalería á Terceira masculina e a comparación entre ambos deixa ao descuberto a desigualdade no mundo do fútbol, pero elas foxen das comparacións e só pensan en ascender. Cada tempada arrincan co mesmo obxectivo. Este ano son segundas, o único equipo invicto xunto ao Dépor B. «A clave é que traballamos duro e moi serio para conseguir a nosa meta», subliña a capitá, Nerea Leva Caeiro, que chegou ao equipo fai tres tempadas, un ano despois da súa fundación. Ela cre que si se están dando pequenos pasos para dar maior visibilidade ao fútbol feminino. Desde que deu as primeiras patadas con seis anos ata os 25 que ten agora a situación cambiou, pero Treviño cre que aínda hai moitos estereotipos que tirar abaixo. «Ás veces oio a algún pai dicir que prefire que a súa nena adestre con nenos para que mellore», comenta non sen engadir que é un erro pensar que algo así poida pasar.

A Viaxe Interrías ten un equipo alevín promesas e a Academia Interrías, con 12 nenas, que o club agarda que se incremente ata 25. Dunha boa canteira nutrirase un equipo que xa despunta. Con só catro anos de historia, o seu adestrador cre que esta tempada teñen mellor grupo humano, con maior compromiso e unha melloría técnica respecto de anos anteriores. É un dos equipos fortes xunto ao Mos, Valladares, Umia e Dépor B.

Loita por ser as mellores

As mozas pelexan o seu futuro tres días á semana no campo da Lanzada, os patrocinadores e a directiva do club apoian un proxecto que aposta por levar todo o máis alto o fútbol feminino. Polo bo camiño non cabe dúbida de que xa van. Para este proxecto incorporaron a tres xogadoras portuguesas, que se unen ás dúas que xa tiñan. Entre elas está Catarina Machado, que leva nove goles en dous partidos, cinco nun e catro noutro, unha especie de furacán luso que encabeza a lista de goleadoras.

O vindeiro domingo enfrontaranse ao Victoria e despois tocará o líder, o Dépor B. Aí dirimirase quen é mellor, pero como di Treviño «terán que ser elas as que demostren que son mellores que nós». Teñen máis medios, pero non máis empurre, pero as dúas loitan pola igualdade.