O BNG di que os responsables da «destrución de Viascón» son Jorge Cubela e Ana Pastor

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

20 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A polémica obra prevista na N-541 ao seu paso por Viascón non soamente ten en pé de guerra aos veciños. Paralelamente, está a ter lugar unha contenda política, xa que o PP culpa ao PSOE de reactivar o proxecto e os socialistas din que o Goberno de Rajoy deixou a obra adxudicada e nunca chegou a cancelala. Onte sumouse a esta batalla dialéctica o BNG. Os nacionalistas foron bastante duros. Dixeron que os únicos culpables da «destrución de Viascón», que é o que creen que vai supor ese proxecto, son Jorge Cubela e Ana Pastor.

Os nacionalistas sinalan que, no seu día, o alcalde amedrentouse no canto de levantar a voz contra un proxecto do seu partido e que non conta con documentación que avale que a obra foi paralizada pola ministra Ana Pastor. Xa que logo, o BNG pídelle ao mandatario que abandone o victimismo «e se poña a buscar solucións».

Pero os frontistas non quedan aí. Creen que o PSOE tamén está tendo un papel bochornoso e pídenlle á subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que tome parte do problema e busque unha solución para Viascón. Mentres tanto, o Bloque sumarase á concentración convocada polos veciños para mañá ás 12.00 xunto ao bar Manolo.