«A nosa actitude ante o Prestige foi nosa mellor carta de presentación»

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO SANXENXO / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Respectado pola Administración e polo sector, José Antonio Gómez Castro é unha as voces máis coñecidas do sector pesqueiro en Galicia. Agora retírase

13 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

José Antonio Gómez Castro (Portonovo, 1952) é patrón maior desde 1996 e tamén presidente da Federación Provincial de Confrarías desde fai oito anos.

-Por que non se volveu a presentar á reelección?

-Porque creo que xa cumprín unha etapa bastante longa dedicándome á confraría. Cumprín os meus anos, xa me sobra tempo de xubilación, e estou bastante canso. Levo nos órganos de goberno da confraría desde os 28 anos. Antes de ser patrón maior estiven 16 anos de vicepatrón maior primeiro. Entre unhas cousas e outras creo que xa me chegou ben.

-Como llo tomou o sector?

-Estiveron a pedirme que seguise por activa e por pasiva desde todos os lados, desde moitos portos mesmo. Non só xente das confrarías, que tamén, senón armadores que, dalgunha ou outro xeito, traballan aquí na ría e coñécenme e chamáronme para que o pensase. Pero para min as cousas están ben claras. Eu con 66 anos creo que a miña xubilación a teño máis que gañada. Tamén estou un pouco canso de estar á fronte.

-Como viu evolucionar a actividade pesqueira?

-Desde que España entrou na UE, a actividade pesqueira cambiou moito en canto a xestión. Talvez sexa o gran problema ou o foi para moita xente, o adaptarse ás novas formas de xestionar a pesca, con limitacións en canto a cotas e a repartición inxusta que sufrimos nalgunhas delas. Todo iso llo puxo difícil aos armadores e a xente que viña doutras épocas onde non había esas limitacións. Para min é aínda é unha cuestión moi importante. Descendeu o número de embarcacións e xente que se quere dedicar á pesca, pero tamén é certo que hai moitas trabas e moitos problemas para ter unha embarcación e que non había fai 25 ou 30 anos.

-Da súa xestión a cargo de Portonovo, que lle impactou máis?

-Sempre tratei de facer o mellor que souben, que puiden, porque entendía que en cada momento había que conseguir o mellor para a confraría e os seus socios. De todos estes anos, co que quedo e un recordo grato que me levo é a actitude que tivemos no sector cando foi o do Prestige. Foi a mellor carta de presentación que sempre levei comigo, en moitas situacións e ante moitas Administracións.

-Como lembra aquela loita contra o chapapote?

-Como nos implicamos todos. A solidariedade que había. Envorqueime, máis que nada caeume amais , unha responsabilidade grande de ter tanta xente e de tantos lados que che preguntaban que tiñan que facer. Foron uns días moi intensos. Teño moitas anécdotas do que vivimos eses días que talvez me marcaron para a miña xestión despois.

-Logrou unha lonxa nova para Portonovo. Que futuro lle ve?

-Eu non logrei nada, foi a confraría. Todo o que se fixo foi polo peso que tiña o movemento da confraría e do porto. Sobre a lonxa, eu creo que vai seguir. Ademais, o porto non só se basea nas embarcacións que temos, senón tamén nos servizos que damos. Somos un porto estratéxico dentro da ría e o máis próximo aos caladoiros. Hai que coidar eses servizos e melloralos no posible para seguir mantendo iso. Tamén ao sector diríalle que pensen que teñen unha lonxa moderna e deben manter a actividade na lonxa con bos produtos para intentar que a xente veña aquí a comprar. Por outra banda, hai algunhas actitudes de levalos a outros lados. Quero lembrar que aquí todo o mundo ten que arrimar o ombro, empezando polas propias embarcacións.

-Como avalía o seu paso pola federación provincial?

-Houbo moitas iniciativas, onde todos sumamos na federación. Vivimos situacións, con todos estes cambios na xestión, de rexeitamento a moitas medidas que nos impón Europa. No que eu creo, e así mo recoñecen xeralmente todos, que fixen un bo labor, en momentos de división, ao tratar de acordar e de unir. Non sei ben como dicilo, de sumar, que non había que botarlle leña ao lume e debíase chegar a puntos de encontro. Fíxeno en varias ocasións. É o meu talante desde sempre.

«Sobre a lonxa todo o mundo ten que arrimar o ombro, empezando polas embarciones»

«Na flota de baixura, o armador é un mariñeiro máis»

A aplicación de novas normativas foi constante campo de batalla, e aínda o é, por parte das confrarías.

-Que lle pediría ás Administracións para o seu sector?

-A autonómica coñece perfectamente a situación, o que somos en cada porto e a diferenza que temos na pesca de baixura, que somos embarcacións pequenas con portos pequenos, onde cada un ten as súas características. Pero Madrid descoñece moito isto e sobre todo Bruxelas. Debían visitar máis o que é a baixura, os portos pequenos, independentemente de que haxa outras pesqueiras e xestores da pesca a outros niveis, como altura, gran altura e demais. Creo que descoñecen moito a realidade do que é a baixura e intentámosllo explicar por activa e por pasiva moitas veces. As visitas parécenme moi ben, que haxa un foro de traballo, reunións en Santiago ou en Madrid ou onde sexa, pero diríalles que veñan máis polos portos pequenos, onde temos máis postos de traballo, nunha economía totalmente familiar. Aquí non soamente é o barco, o armador e os mariñeiros, senón que as súas mulleres moitas veces son redeiras ou pescantinas. Isto hai que coidalo. Non hai que pensar na mentalidade de Madrid de que un armador dunha embarcación de baixura é un industrial. Nunha embarcación menor o armador é un mariñeiro máis, que sae todos os días a pescar. Que se mentalicen de visitar estes portos e ver como funciona.

-Sabemos apreciar o que temos?

-Eu estou a tratar, e aínda vou colaborar nun evento que pretendemos facer para o mes que vén, de destacar moito o que temos na ría. Creo que ten moita razón a pregunta. Ás veces non apreciamos o que temos diante de casa. Eu sempre tratei de destacar a calidade dos nosos produtos, que a xente non se engane e déanlles outra cousa. Fun un dos promotores de facer a marca PescadeRías, unha pelexa que tiñamos para lograr diferenciar a pesca do día e conseguímolo con esa marca.