«Temos un persoal curto para facer o milagre de cada ano»

DEPORTES

Ramón Leiro

A falta de respaldo económico afoga ao club, pero ela confía nun equipo con «capacidade de traballo»

13 ago 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Con máis de 30 anos á fronte do equipo, Maite Méndez afronta a próxima tempada cun persoal curto -só sete licencias de Liga Feminina 2- e dá un tirón de orellas a un tecido empresarial no que non atopan respaldo para sosterse.

-Como está de avanzado o equipo para o próximo curso?

-A estas alturas e cos recursos que tiñamos, todo o que podiamos investir e planificar esta feito.

-Está pechada, xa que logo, a posibilidade de máis incorporacións.

-Si, todo o que tiñamos pechado, xa está. Temos un persoal, outra vez, súper curta, para facer o milagre de todos os anos, se se pode. Este ano deixamos prazas libres coa intención de ir rodando ás de autonómica e as júnior. A ver se podemos porque cada día os equipos refórzanse máis e son máis competitivos. Temos só sete licencias de Liga 2, as das catro veteranas e as tres novas.

-Son moitos equipos os que se cinguen case en exclusiva á canteira, é difícil sacar un equipo adiante?

-Si, hai tempo pensabamos que economicamente era máis beneficioso para o club, pero agora o custo de fichar e sacar xogadoras da canteira é máis ou menos o mesmo. Facerse como xogadora necesita unha cocción a lume lento. É complicado, as júnior non quedan aquí, vanse fóra, hai unha fenda por tema de estudos e despois, para poder optar a xogar en Liga 2 hai que ser talentosa.

-Hai un mes lanzaban unha especie de auxilio para reunir 8.000 euros para asumir os gastos da reorganización da competición.

-Isto móvese pouco na cidade, ás empresas que non lle interesa o deporte, é difícil facelas cambiar e o resto, apoian cun pouco a moitos equipos. Non tivemos ningún compromiso relevante no último mes.

-Agardan o milagre?

-Non creo nese sentido nos milagres, non hai unha aposta firme polo baloncesto e xa está. Levamos desde o 2002 sen descender en Liga Feminina 2.

-Que pasa sen non conseguen esa cantidade, que falla no tecido empresarial?

-As institucións teñen establecidos os seus baremos e achegan unha cantidade, nalgúns casos importantes. Pero sobre todo, a xente non cre no deporte, non o ve como un investimento, senón como un diñeiro a fondo perdido que non che vai reverter. Cuesta cambiar esa mentalidade.

-Esta situación ano tras ano, mingua as súas forzas?

-Si, claro que si. Todos os anos tes unha fiestra aberta á sociedade e a medida que avanza a tempada vaise pechando. Hai pouco investimento en deporte feminino e en deporte minoritario. As subvencións das institucións é case o único que queda, dependemos dese diñeiro para afrontar os pagamentos e non chega en tempo e forma.

-Con todas estas pedras que se vai atopando no camiño, que lle fai seguir loitando despois de trinta anos?

-Realmente queres o que fas. Aquí hai moito cariño depositado no club, un equipo de xente que levamos anos traballando xuntos e eses é o que che permite amarrarche fortemente cada ano para dicir, ‘isto sae porque si'.

-Queda atrás un ano duro, como prevé que será o que arrinca?

-Todos os anos o son mentres non poidamos REVISAR cambiar certos aspectos. Vai ser duro, pero con capacidade de traballo, o ano pasado salvamos a tempada por un bloque que levaba anos traballando xunto e agardamos que con estas xogadoras sexamos capaces de saltar ao rodo co mesmo espírito e forza de todos os anos. É importante que o equipo se compenetre canto antes.