A espera media para operarse no Chop foi este semestre de 34,8 días

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Rehabilitación é o servizo que ofrece máis demora para unha primeira consulta

21 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os pontevedreses tardaron, no primeiro semestre deste ano, unha media de 34,8 días para operarse nos dous hospitais públicos da cidade -Montecelo e Provincial, ou o que é o mesmo, Chop-. Así o reflicten polo menos as cifras oficiais difundidas este venres pola dirección da área sanitaria. Esa espera, que é 25 días inferior á media de todos os hospitais da rede do Sergas, é aínda mellor no Hospital do Salnés, de Vilagarcía, con 34 xornadas para unha intervención cirúrxica. Iso si, con respecto ao primeiro semestre do 2017, a cifra do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chop) é 1,7 días peor.

Claro que non todas as operacións teñen a mesma lista de espera. As que menos demora rexistran son as de Cirurxía xeral e Dixestiva (25,8 días) e Ginecología (27,3). No outro extremo están as intervencións de Traumatología, con 41,6 xornadas de espera, e as de Dermatoloxía, con 39,4.

A lista de espera cirúrxica redúcese na área sanitaria ata os 9,3 días nos casos designados como de Prioridade 1, é dicir, os que presentan maior gravidade. No conxunto dos hospitais do Sergas é de 14,9.

As primeiras consultas e as probas diagnósticas son outras variables das que se fai balance. Segundo a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés, entre xaneiro e xuño do 2018 o tempo de espera medio para unha primeira consulta foi de 30,6 días no Chop -a media da comunidade é de 37,3-. Menos de dez xornadas houbo que agardar para unha primeira consulta de enfermidade en Obstetricia, Oncoloxía Médica, Endocrinoloxía, Medicina Interna e Cirurxía Xeral e Dixestiva. O servizo de Rehabilitación é o que acumula maior atraso, por amais dos 40 días.

Resonancia e endoscopia

En canto ás primeiras probas diagnósticas, no Chop hai que agardar de media 27,3 días para un TAC, mentres que para unha resonancia magnética a demora acada os 40,9 días. A endoscopia dixestiva tamén ten unha espera alta, de 34,9 xornadas. Menos tempo hai que agardar para unha ecocardiografía (31,8 días), unha mamografía (29,3) ou unha radiografía convencional (9,4).

As vías rápidas de atención a sete tipos de cancro -mama, colorrectal, pulmón, vexiga, próstata, otorrinolaringología e melanoma ou pel- permitiron a atención dun total de 959 pacientes nun tempo inferior a 15 días. A espera máis alta correspondeu ao tumor colorrectal con 5,4 xornadas de demora media. Con respecto a este cancro, na área sanitaria púxose en marcha a mediados do 2016 o programa de detección precoz ou cribado. Dous anos despois, este screening acadou unha cobertura de case 75.000 persoas con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos.