«Somos unha asociación viva, hai actividades todos os días»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A principal entidade social de Portonovo cumpre 25 anos e recibirá a Raia de Ouro do 2018

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Antonio Cacabelos recolleu o ano pasado a testemuña da presidencia do club de xubilados de Portonovo, entidade que conta cuns 400 socios.

-Como valora que o club sexa Raia de Ouro deste ano?

-É unha decisión moi grata. Non é un mérito para ninguén en particular, senón que o recibimos como entidade. Demostrouse que temos un programa de actividades importante como, por exemplo, dúas excursións á semana, informática, pilates, zumba, ensaio de coro, teatro, taller de memoria, baile, bingo e dominou. Os socios veñen moito por aquí, toman café, len a prensa e sobre todo pola tarde xogan ás cartas, ven o fútbol, están xuntos. Somos unha asociación viva, hai actividades todos os días, nós non inventamos nada. O alcalde veu un domingo pola tarde e puido comprobar como o local estaba cheo de xente.

-Como se chega a este nivel de traballo e éxito social?

-Foi o traballo de todos os presidentes e dos socios. Cando soubemos que o club recibía a Raia de Ouro así llo transmitimos á xente e gustoulles moito. Este é o máximo galardón de Portonovo. Na entrega da Raia de Ouro [domingo 29] tamén estarán os presidentes ou unha representación da familia. Son José Domínguez Martínez, de 90 anos; a filla de Mario González Pombo, que ten 94 anos e el non vai poder vir; Joaquina Iglesias Alarcón, de 85 anos; e Manuel Bea Silva, que foi presidente do 2009 ata o ano pasado cando entrei eu.

-Que supón para Portonovo esta entidade?

-Supón ter un lugar onde os xubilados poden ir, estar comodamente e compartir vivencias entre eles e non estar illados nas súas casa. Eles gozan con todo isto e tratamos de facer actividades para que sexa así. A fin de semana pasada iniciamos o bingo e gustou moito. Tamén vén moita xente ás excursións, como a que fixemos á praia das Catedrais, ou a Asturias. Estamos agora pensando en ir á Ribeira Sacra e á illa de Ons no verán.

-Que melloras quérense realizar nas instalacións?

-Queremos mellorar o salón social onde se fai o baile. Trátase de reformar o chan para pór tarima flotante para que sexa unha contorna máis cálida. Tamén queremos intervir nun cuarto para convertelo nun escenario fixo para o teatro, o coro e grupos musicais.