O modelo de mobilidade peonil de Pontevedra tamén esperta interese en Suecia

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

César Mosquera desprazarase ao país escandinavo, onde se reunirá coa ministra de Medio Ambiente

15 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O modelo urbano de Pontevedra segue pisando forte no panorama internacional. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), desprazarase nos próximos días a México para participar como relator no festival Mextrópoli onde explicará o proceso de transformación da cidade, e un dos máximos responsables da aplicación dese modelo, César Mosquera, viaxará a próxima semana a Suecia para participar no congreso Mobilidade e comportamento, que organiza a asociación Gröna Bilister na cidade de Eskilstuna.

Este evento, que acada a súa terceira edición, invita cada ano a un representante estranxeiro que teña sido impulsor de boas prácticas no campo da mobilidade. O ano pasado o invitado foi en xerente do plan de transporte de Vancouver (Canadá), e a organización cursou este ano un convite ao alcalde de Pontevedra. Ao coincidirlle a leste co desprazamento a México, acordouse que acuda Mosquera, xa que este aúna a representación municipal e a da Deputación, e os responsable da asociación Gröna Bilister tamén mostraron interese por coñecer en persoa a aplicación do modelo Pontevedra nas estradas provinciais a través do Plan Móvese.

O concelleiro e vicepresidente provincial subliñou onte que Suecia é todo un referente a nivel mundial no campo da seguridade viaria. «Para nós falar en Suecia é un verdadeiro orgullo -apuntou Mosquera- porque son o top do mundo neste eido. Nós aprendemos deles cousas como que non hai que ir a máis de 30 quilómetros hora cando hai confluencia de coches e peóns. Iso todo vén de Suecia, polo que é unha sorpresa agradable que nos consideren referente de boas prácticas en materia de mobilidade cando eles foron os pioneiros das políticas de visión zero en relación á sinistralidade».

Axenda de traballo

Ademais de participar como relator no congreso Mobilidade e comportamento, Mosquera ten pechada unha axenda de entrevistas no país escandinavo. Entre outros encontros, manterá reunións coa ministra sueca de Medio Ambiente, Karolina Skog; co vicealcalde de Estocolmo, Daniel Hellden; e co exalcalde da capital sueca, Per Ankersjö, que na actualidade traballa para unha consultora que asesora á Unión Europea en materia de mobilidade.