Da solidariedade á fidelización

Inmaculada Rguez. Calvo OPINIÓN

PONTEVEDRA

11 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Todos somos potenciais receptores da solidariedade dos doantes. Grazas a esas persoas que, diariamente, doan sangue ou órganos, posibilítase a realización de innumerables intervencións cirúrxicas, abórdanse diferentes transplantes e materialízanse tratamentos terapéuticos que permiten a moitos pacientes resolver os seus problemas de saúde ou, polo menos, minimizalos.

Desde o sistema sanitario público galego, en xeral, e desde o Centro de Transfusión de Galicia (CTG ), en particular, comprobouse, desde hai décadas, que a poboación galega manifesta a súa solidariedade e xenerosidade, implicándose, activamente, no altruísta xesto da doazón. Continúa pendente, actualmente, establecer unha fidelización que permita contemplar a constancia achegada a través de lembrar a conveniencia de doar sangue, polo menos, unha vez ao ano, sen agardar ou dilatar a futuros días, a oportunidade de converterse, tamén, en doantes de órganos ou de medula ósea. Doar sangue total ou ser doante de aférese, de medula ósea, de órganos, ou de sangue de cordón umbilical, son actos tremendamente xenerosos porque, detrás de cada doazón, existe un receptor: un paciente, que, pode salvar a súa vida, grazas a eses xestos solidarios.

A miúdo faise referencia a datos, lembrando a necesidade de acadar 500 doazóns de sangue diarias, sen considerar, o suficiente, a sensibilización que se pretende das persoas, apelando á súa nobre colaboración. Aproveitamos esta ocasión para agradecer a todas e cada unha das persoas que, nalgún momento das súas vidas, doaron, o noso máis sincero recoñecemento. Grazas pola súa implicación e xenerosidade. Grazas por compartir saúde e ofrecer vida.