«Por que doar? Porque mañá podo ser eu e hai que pensar no receptor»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

La Voz reúne a doantes de sangue, órganos e tecidos e a unha exdonante que vive grazas a un transplante de medula

12 oct 2015 . Actualizado ás 12:35 h.

Son solidarios, din, porque hai que selo. E fano doando. Uns sangue e plaquetas, outros órganos e outros medula ósea. Michel Martínez, Silvia Rey , Lucía Solleiro e Francisco Pérez-Mirás coinciden en que cada vez a xente é máis xenerosa, aínda que remachan que segue habendo un gran descoñecemento, por exemplo, sobre a medula ósea, e algunhas barreiras relixioso-ideolóxicas. «Aínda se segue confundindo a medula ósea coa espinal», remacha Fran, traballador da construción de 49 anos.

La Voz reuniunos xunto a Araceli Blanco , Ari, que foi doante de sangue e órganos ata que lle diagnosticaron unha leucemia mieloide aguda. Esta estudante de Enfermería de 25 anos vive grazas a un transplante de medula que se materializou, tras un autotrasplante errado, o 7 de marzo do 2012. Recibiuno dun doante dos Estados Unidos. «Agardei dous meses polo transplante, pero hai xente que agarda moito máis e outra que non chega. Ata que enfermei non sabía que se podía doar medula», recoñece.

Fran é doante de órganos desde hai 29 anos e de medula, desde fai dúas. Tamén «doo tempo». O que dedica, do mesmo xeito que os seus compañeiros, a causas solidarias. Lucía Solleiro, administrativa de 50 anos, tamén doa órganos e medula, xa que a súa hipotiroidismo impídelle doar sangue. «De medula son desde fai nada, pero de órganos desde hai 17 anos. Escoitei no instituto falar do tema porque unha amiga tiña un irmán que necesitaba un transplante», apunta.

Michel Martínez sofre de forma habitual as incomodidades da caseta do CTG na cidade. Cada catro meses acode a doar plaquetas. Este administrativo de 40 anos tamén é doantes de órganos e de medula desde fai vinte. «Vivino desde pequeno porque os meus pais eran doantes de sangue e iamos con eles ao hospital. Sabía a necesidade que había detrás, no meu caso foi por educación», relata.

Fomentar os tecidos

Non se trata de ser máis solidario que ninguén, di Michel, senón de pensar nos demais. «Por que doar? Fágoo porque mañá podo ser eu e porque máis que no lado do doante hai que pórse sempre no lado do receptor. Sangue hai, salvo momentos puntuais, pero órganos e medula non, e hai que fomentalo». No municipio houbo 3.970 doazóns de sangue no 2014, unha taxa de 48 por cada 1.000 habitantes. Michel achega un dato. En España hai menos de 200.000 doantes de medula, cando en Alemaña son tres millóns.

Silvia Rey , tamén administrativa de 38 anos, acaba de recibir a confirmación da súa inscrición no Rexistro de Doantes de Medula Ósea (Redmo). Tamén doa plaquetas e prevé facerse doante de órganos. «Vou doar plaquetas cada catro meses porque estou por amais . Tárdase unha hora, pero que é unha hora da túa vida?», comenta. Todos consideran necesario que a cidade dispoña dunhas instalacións dignas e creen que o CTG debería optar por situar o servizo nun edificio, como no resto de Galicia. «Moitas veces vou alí e non me atopan a vea porque fai frío», apunta como anécdota. Pide que ao doar sangue xa se informe sobre as outras posibilidades que existen.

Ari, que agora non pode doar, foi a imaxe da Pontevedrada 2014, a marcha a pé entre a capital e Santiago para fomentar a doazón de sangue, órganos e tecidos. Este ano case completou a primeira parada ata Barro. «O primeiro ano tras o transplante foi duro e tiven problemas. Recibira doce ciclos de quimioterapia e iso deixa secuelas», explica a nova, que aclara que a súa leucemia non tivo nada que ver na súa decisión de estudar Enfermería. «É certo que eses coñecementos agora me axudan», sinala Ari, que fai fincapé no papel que xogan os doantes: «Moitas veces fan o traballo que non fai a Administración».