Cultura Quente suma picadas solidarias e fai cartóns de doante

c. b. CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

A vila termal acolleu onte unha xornada solidaria de doazóns de sangue

08 jul 2015 . Actualizado ás 05:05 h.

Solidariedade en forma de doazón. Foi a campaña que durante nove horas se desenvolveu onte en Caldas dentro do Festival Cultura Quente. A iniciativa implicou ao Concello, o Centro de Transfusión de Galicia (CTG ) e a Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi). Unha unidade móbil do CTG fomentou a doazón de sangue desde o peonil paseo de Román López. Ao peche desta edición, non se facilitou o número de doazóns rexistradas durante a xornada. O 2014 pechouse na vila con 545 doazóns en todo o ano, o que permitiu acadar unha taxa de 55 por cada mil habitantes e ano.

A mesma localización foi a elixida para instalar unha mesa da asociación Adrovi. O seu presidente, Celso García, comentou que durante a xornada se fixeron doce cartóns de doante de órganos e entregouse información para facerse doante de medula ósea. «Pola mañá houbo xente porque estabamos ao lado do centro de saúde e do xulgado, pero pola tarde moi pouca. É certo que cada vez facemos menos cartóns porque moita xente xa é doante. Outras persoas optan por levar o folleto a casa, e non hai forma de saber se despois o entregan ou non», expuxo o presidente de Adrovi. «En todo caso, calquera colaboración é boa», remachou Celso García.