O pontevedrés que gobernou Lousiana

carmo lópez PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Máis de douscentos anos despois da súa morte en Nova Orleans, o legado de Manuel Gayoso de Lemos continúa presente en varias cidades do sur dos Estados Unidos

07 dic 2014 . Actualizado ás 10:32 h.

Nunha rúa do centro de Natchez, unha poboación do estado norteamericano de Misisipi levantada xa antes da Guerra Civil norteamericana ao amparo do cultivo do algodón e do intercambio de escravos, hai un busto. Aos pés da imaxe pode verse unha placa na que está gravado o nome de Manuel Gayoso, un pontevedrés que foi gobernador de Lousiana entre 1797 e 1799. O seu desembarco neses territorios foi o punto de partida para a fundación dunha das estirpes máis antigas do sur dos Estados Unidos.

Fillo de Don Manuel Luis Gayoso, nacido en Santa María de Pontevedra, e da portuguesa Teresa Angélica Morin, hai fontes que din que naceu no Porto, onde foi cónsul o seu pai, pero o libro Old Families of Lousiana revela que veu ao mundo en Pontevedra, como o seu proxenitor, en 1751 e morreu en Nova Orleans en 1799, onde está enterrado. Máis de douscentos anos despois da súa morte, as súas pegadas están presentes aínda en todo o profundo sur. Desde as ribeiras do Misisipi ata Memphis, en Tennesse.

Descubrir o apelido Gayoso en Natchez sorprende . Esa pequena cidade fronteiriza é agora un dos grandes destinos turísticos do sur dos Estados Unidos pola gran cantidade de casas coloniais de antes da contenda entre soldados da Unión e do exército confederado do xeneral Le que conserva. Pero entre os seus atractivos está tamén o recordo de Gayoso porque, como reza unha placa, foi baixo o seu mandato cando Natchez «foi planificada por John Girault cunha estrutura tipicamente española ao redor dunha praza e a un templo...».

A sorpresa de achar en terras ianquis tales homenaxes para un pontevedrés increméntase cando o seu nome volve aparecer máis ao norte, identificando rúas e mesmo hoteis. Faino bautizando unha avenida de Memphis que dista tan só uns metros da popular Beale Street, onde se levanta o famoso BB King´s Blues Club. Moi preto tamén do Lorraine Motel, o lugar no que unha bala apagou a reivindicativa voz de Martin Luther King cando preparaba unha manifestación e que agora se converteu nun centro de peregrinación para os defensores dos dereitos civís.

Todas esas pegadas confunden, pero non estrañan. Basta con mergullar nos libros de historia para comprobar como a Lousiana española da que foi gobernador o pontevedrés abarcaba desde as zonas pantanosas do Golfo de México, na actual Lousiana, ata a fronteira con Canadá. Ese vasto territorio incluía tamén a parte máis ao oeste do actual estado de Tennesse, onde está Memphis. De feito, a pegada de Gayoso na cidade na que construíu a súa mausoleo en vida Elvis Presley non se reduce a unha rúa. O seu apelido dá nome tamén a un dos dous hoteis con maior historia da cidade, xunto co famoso Peabody, o Gayoso.

O seu labor

Pero cales foron os logros do pontevedrés alén do Atlántico para que o nome apareza practicamente en cada esquina. A súa traxectoria foi ampla, practicamente tanto como a bibliografía na que hai referencias ao seu labor. Algúns libros contan mesmo que a súa foi unha vida épica, aínda que non moi diferente á de calquera diplomático dunha época na que Inglaterra, Francia e España disputábanse e intercambiaban á súa antollo os novos territorios descubertos alén do Atlántico.

Educado en Inglaterra e experto en linguas, comezou a súa carreira no Rexemento Español de Lisboa, pero as súas cualidades pronto lle abriron as portas das colonias. Embarcou e puxo rumbo ao novo mundo, onde antes de ser nomeado gobernador de toda a Lousiana española estivo á fronte do distrito de Natchez.

Desde esa praza promoveu a apertura de postos de defensa en pártea norte das terras adscritas á coroa de Carlos III e logo de Carlos IV. A idea era defender o interese de España fronte a ataques de indios ou jacobinos. Ademais, promoveu que colonos que vivían ao norte asentásense na contorna de Natchez, onde defendeu o catolicismo fronte a outras ramas do cristianismo. casou tres veces. Os seus fillos, os seus netos... permitiron perpetuar unha liñaxe convertido nun referente no sur.