Barreiro mira hoxe a Cataluña, e analiza o cordón sanitario contra o PSC

La Voz REDACCIÓN

PODCAST

«Ou resultado de toda esa política de diálogo e multipartidos unidos en alianzas para que España sexa feliz, é que en Cataluña haxa un acordo de que non hai ningunha posibilidade de acordo nin de diálogo para nada nin con ninguén», di

12 feb 2021 . Actualizado ás 08:50 h.

Xosé Luís Barreiro Rivas mira hoxe a Cataluña, e analiza o cordón sanitario contra o PSC. Lembra que o primeiro pacto do Tinell asinouse no 2003 coa intención de manter a Pujol fóra da Generalitat. O resultado foi un tripartito con Maragall primeiro e Montilla despois, interpretado como un fracaso total da orde política en Cataluña.

Agora JxCat, ERC, a CUP e o PDeCAT comprométense a non formar ningunha alianza cos socialistas «sexa cal for a correlación de forzas». Non haberá ningún apoio ao candidato Illa. Aínda que o PSC e ERC seguen sen evitar que se fale da súa pretensión dun bipartito ou un goberno de ERC apoiado polos socialistas.

Junqueras e Aragonès insisten en que o pacto con PSC é imposible, e onte aseguraban que non hai dous máis partidos máis antagónicos en Cataluña que os seus. José Luis Ábalos chamou a un pacto de esquerdas e non en clave nacionalista.

O que ocorre en Cataluña, di Barreiro, é consecuencia da política nacional, onde non hai posibilidade de diálogo en ningún tema, porque estamos instalados no desgoberno.

«O resultado de toda esa política de diálogo e multipartidos unidos en alianzas para que España sexa feliz, é que en Cataluña haxa un acordo de que non hai ningunha posibilidade de acordo nin de diálogo para nada nin con ninguén», di.