Do golpe de estado de Zaragoza ao «Expediente X» de Vox

M. V. LA VOZ

PODCAST

efe

O xuízo ao referendo ilegal do 1-O encara a recta final e o partido de Santiago Abascal acumula unha nova polémica

04 jun 2019 . Actualizado ás 20:05 h.

ESCOITA O noso PODCAST BAIXO ESTA LIÑA

Coñécelo de oídas

A Fiscalía inclúe elementos que, ata agora, non utilizara nos seus escritos e intervencións no xuízo ao referendo ilegal do 1-O: o que ocorreu en Cataluña no outono do 2017 foi un golpe de estado. 

O fiscal Javier Zaragoza lembrou a violencia vivida o 1 de outubro, con 1.093 feridos, entre eles, 93 axentes de policía. Tamén enumerou a mobilización de 6.000 efectivos de seguridade, o discurso do Rey contra a celebración do referendo e a exaltación da violencia que, segundo Zaragoza, exerceron os acusados.

Chegaron despois as conclusións da Avogacía do Estado e, para rematar, as da acusación popular. Si, as de Vox. Alí estiveron Ortega Smith e Pedro Fernández, que ademais son deputados electos por Madrid e Zaragoza.

Mentres dirixían a súa acusación cara a Junqueras, Romeva e compaña, outro membro do partido era noticia por saírse dos marcos do politicamente correcto. Unha vez máis. 

Nesta ocasión, por comparar a fenda salarial coa moza da curva. O portavoz de Vox no Parlamento de Andalucía dálle a mesma credibilidade á diferenza de soldo entre homes e mulleres que a atoparse de noite co mito urbano da moza da curva. Unha fenda, por certo, que ata a propia patronal recoñece.

Hoxe en La Voz

O novo dono de Ferroatlántica garante o emprego

«É un proxecto de futuro para o que agardamos contar coa colaboración de todos os actores de Galicia». Son palabras de Alejandro Seco, o conselleiro delegado de Ithaka, a firma coa que TPG traballa en España e á que lle encargou a xestión das instalacións de Ferroatlántica adquiridas á corporación de Juan Miguel Villar Mir por 170 millóns de euros. O novo propietario traballa nun plan de investimentos para elevar «a posición competitiva e a produtividade» das plantas.

Os detidos polo crime de Toques son dous irmáns e un primo

Manolo e Marcial, dous irmáns veciños de Sobrado dos Monxes, duns 60 anos, e un primo de ambos, residente no municipio de Boimorto, son as tres presentas detidas pola morte de Julio Lea Casal, o home que apareceu calcinado preto do seu vehículo en Toques o pasado 27 de marzo..

a esposa de Leopoldo López e a súa filla menor, en España

O Goberno confirmou que Lilian Tintori, a muller do opositor venezolano Leopoldo López, entrou en España xunto á súa filla menor facendo uso do «exercicio da súa liberdade de movemento», segundo apuntaron fontes da Moncloa. Tintori e a súa filla atopábanse aloxadas na residencia do embaixador español en Venezuela, desde que o pasado 1 de maio López fose liberado por mor dun levantamento militar orquestrado polo líder da Asemblea Nacional, Juan Guaidó, recoñecido como presidente encargado por medio centenar de países.

O PPdeG apraza a designación de senadores e tensiona a En Marea

Luís Villares atópase con que o PP non lle deixa levar -por agora- un senador a Madrid. A xustificación dos populares é que «parece sensato e responsable» dilatala ante as «dificultades» internas que ten En Marea. O grupo de Villares é, sobre o papel, quen coloca ao terceiro senador por designación autonómica ao tratarse da forza máis votada da oposición.

As inspeccións de Sanidade van polos moluscos e os queixos

Sanidade reforza durante este mes as inspeccións aos establecementos de hostalería. Desde o 1 de xuño e ata o día 30 o cento por cento dos inspectores están a visitar restaurantes, cafeterías, establecementos de autoservicio e de comida rápida, así como aqueles que non teñen comedor independente, como os que serven tapas, racións e petiscos. Os traballadores da Consellería prestarán especial atención á trazabilidade das materias primas, sobre todo de moluscos e queixos.

dia pechará este mes 24 tendas en Galicia

Dos 248 establecementos que o grupo de distribución Dia puxera á venda dentro do plan de reestruturación deseñado pola compaña, só conseguiu colocar 40, co que os 219 restantes botarán o peche de xeito inmediato. En Galicia, dos 223 establecementos cos que conta a cadea, baixarán a persiana un total de 24. 

O xoves, ciclogénesis explosiva

Unha borrasca explosiva é, en realidade, como calquera outra, pero a súa presión descende de forma brusca en pouco tempo. E iso é o que sucederá en Galicia este xoves. Meteogalicia sinala ademais que nunha soa hora poderían recollerse quince litros por metro cadrado. 

En boca de

A secretaria de Estado de Emprego, Yolanda Valdeolivas, reclamou este martes ao Banco de España que «pida perdón» e deixe de propagar «malos agoiros» sobre os efectos no mercado laboral da subida do salario mínimo a 900 euros, porque «non se corresponden coa realidade». 

Tamén para ti

Hugo recibe o tratamento con traxe de superheroe

Hugo é o primeiro neno que se beneficia en Galicia dos traxes de superheroes para mellorar as súas capacidades motrices. Sofre parálise e o seu prognóstico era bastante negativo cando chegou ao centro pontevedrés Amencer-Aspace, onde recibiu a terapia.