O 26M acaba co pacto das tres dereitas

M. V. LA VOZ

PODCAST

efe

O rexeitamento de Cidadáns a formar alianzas con Vox frustra os plans do PP onde busca formar gobernos tripartitos, nunha das moitas consecuncias dos resultados electorais

03 jun 2019 . Actualizado ás 20:12 h.

ESCOITA O noso PODCAST BAIXO ESTA LIÑA

Coñécelo de oídas

Non haberá tripartitos nas comunidades autónomas nin nos concellos españois. Así o decidiu hoxe a executiva de Cidadáns, que por unanimidade aprobou non negociar con Vox.

A á socioliberal do partido de Albert Rivera advertiu sobre repetir un pacto como o de Andalucía, onde Juanma Moreno ten cada día máis difícil aprobar os orzamentos. Alí, Vox xa anunciou que presentará unha emenda á totalidade das contas do Goberno.

O secretario xeral do PP pareceu non ver vir nada disto. Teodoro García Egea anunciou esta mañá que ten previsto convocar a Cidadáns e a Vox para participar nunha mesa «a tres» na que tratar os posibles pactos tras o 26 M. Á mesa caeulle, polo menos, unha pata. E, así, poderían perigar alcaldías que xa se daban por tomadas, como a de Madrid.

A que sen dúbida non periga é a de Vigo. Abel Caballero aumentou a súa maioría absoluta a costa do PP e acabou, literalmente, coa súa candidatura. Elena Muñoz abandonou e, tras ela, o resto de concelleiros electos. O día 15 de xuño recollerán as súas actas unha nova xestora, que tería á fronte a Corina Porro. O PP vigués pediu á exalcaldesa que asuma a presidencia dunha xestora que terá o difícil labor de recompor un grupo que pasou de sete a tres concelleiros tras o 26M. 

Onde fará falta algo máis que unha xestora é en Podemos. Ramón Espinar regresou este luns á primeira liña para reclamar un Vistalegre III e apear a Iglesias e Montero da dirección.

 

Hoxe en La Voz

case 17.000 persoas aspiran a unha praza nas oposicións de educación

A Xunta publicou a primeiras listas definitivas de inscritos para algo máis de 2.000 postos. A publicación destas listas supón que preto de 17.000 aspirantes foron xa admitidos definitivamente no proceso. Deles, a maioría son do corpo de secundaria (case 8.700), mentres que outros 8.000 optan a algunha das especialidades do corpo de mestres. Aquí podes consultar as listas.

Aduanas seguía ao pesqueiro cos 2.500 quilos de coca desde a escala que fixo na Coruña

O «Gure Leire», o barco vasco de armador galego interceptado con 2.500 quilos de coca, empezou a ser seguido desde que fixo escala no porto da Coruña para seguir a súa travesía para recoller o alixo. A droga, informaron fontes oficiais, ía descargarse na costa de Galicia, e non no País Vasco, que é onde ten o seu porto basee.

Tres detidos polo caso do home que apareceu calcinado en Toques

Tres persoas foron detidas pola súa presunta relación coa morte de Julio Lea Casal, o veciño de Sobrado cuxo corpo calcinado foi localizado en Toques, nunha zona próxima á afectada por un incendio forestal. O caso remóntase ao pasado 27 de marzo, cando membros dun equipo antiincendios localizaron un vehículo queimado e o cadáver carbonizado e irrecoñecible dun home.

Trump inicia a súa visita ao Reino Unido con insultos ao alcalde de Londres

Donald Trump arremeteu este luns en Twitter contra o alcalde de Londres, Sadiq Khan, a quen chamou «perdedor» e ao que comparou co «bobo e incompetente» edil de Nova York, Bill de Blasio. O mandatario estadounidense chegou ao Reino Unido nunha visita oficial de tres días na que se reunirá coa raíña Isabel II e coa primeira ministra, a conservadora Theresa May, entre outras personalidades.

O Supremo inclínase por paralizar a exhumación de Franco

Cinco maxistrados do Tribunal Supremo resolverán mañá a petición da familia de Francisco Franco sobre a paralización cautelar da exhumación do ditador do Val dos Caídos, unha decisión á que previsiblemente non se oporán á espera de liquidar o fondo do asunto. Segundo recolle Efe, todo apunta que os maxistrados aceptarán a medida cautelar proposta pola familia do ditador contra os plans do Goberno de exhumar o cadáver o próximo 10 de xuño.

O coche de Reyes circulaba a 237 kms/h

O rebentón dunha roda, xunto á alta velocidade á que ía o vehículo no que viaxaba o futbolista José Antonio Reyes, barállase como a causa do sinistro mortal segundo o atestado da Garda Civil. O coche rexistrou unha velocidade de 237 quilómetros por hora e ardeu a uns 200 metros da vía. 

Cambio radical no tempo en Galicia

O tempo previsto para os próximos días non se parecerá en absoluto ao da semana pasada. Unha nova fronte deixará precipitacións xeneralizadas este martes, persistentes pola mañá e, pola tarde, de tipo ballón que poderían caer acompañadas de saraiba e aparello eléctrico. 

En boca de

Dani Giménez, porteiro do Deportivo, critica ás casas de apostas e espera que «non sexa demasiado tarde» cando todos se «dean conta» de que non deben patrocinar equipos e competicións.

Tamén para ti

Un voo estratosférico a Laza

Vídeo | O globo que lanzaron o venres a Tecnópole e o Consello Social da Universidade de Vigo, en Ourense, foi recuperado en Laza despois de subir 32.595 metros.