A calculadora de Sánchez

Iago García
Iago García REDACCIÓN | LA VOZ

PODCAST

PIXABAY

O presidente é Russell Crowe nunha Mente Marabillosa. Suma que che suma, facendo contas, que lle poden saír mesmo sen facer concesións aos nacionalistas e gobernando en solitario. Nunca chove a gusto de todos, pero onte si o fixo ao gusto de Sánchez

29 abr 2019 . Actualizado ás 21:36 h.

ESCOITA O noso PODCAST BAIXO ESTA LIÑA

Coñécelo de oídas

Se teño 123, máis 42 de Podemos, lévome 15 de Esquerra... Uy, espera, «non é non». Volve empezar. 57 ten Rivera. Así xa sae... Pero tendo en conta o cántico unánime onte en Ferraz, «¡con Rivera, non!», borra, borra...

A cabeza de Pedro Sánchez nas últimas horas é como a de Russell Crowe nunha Mente Marabillosa interpretando ao Nobel de matemáticas John Forbes Nash. E parece que vai tirar a calculadora ao lixo. Ábalos ou Batet son hoxe dirixentes socialistas que apostan por gobernar en solitario. De ter a cabeza como un bombo polo que di o Ibex por unha banda e Iglesias polo outro, a ser a bomba.

Probar unha investidura coa abstención de Esquerra e non facer máis cesións aos nacionalistas é unha opción. A menos dun mes para as municipais, autonómicas e europeas, Sánchez parece disposto a gozar da crista da onda. Mentres, ve a Pablo «Capasado» afundido. E a un Vox que non cultivou tanto como se anunciou antes da vendima.

Sánchez talvez pense tamén en Alberto Núñez Feijoo. O presidente da Xunta non puido facelo mellor cando decidiu quedar en Galicia e non optar a presidir o PP. Agora está en mellor posición mesmo que antes. Aínda que nunca tan socialista foi o mapa galego e históricos do partido como Juan Juncal ou Pilar Rojo quedan sen asento. E o Bloque sen escano cando ata o PRC de Revilla saca un. O regionalismo cántabro vaise a Madrid e o noso nacionalismo non chega. Pero dobra votos e ve como En Marea e Podemos se escarallan aquí. Nunca chove a gusto de todos. Pero onte si o fixo ao gusto de Sánchez... ¡Escoitándoo no noso podcast é aínda mellor, dálle ao play!

Hoxe en La Voz

Puigdemont non pode ir ás europeas do 26 de maio

O expresidente catalán fuxido en Bruxelas , Carles Puigdemont, non poderá presentarse ás eleccións europeas tras ter sido admitidos os recursos presentados polo PP e Cidadáns, que consideran que está inhabilitado. A Junta Electoral Central tamén acordou excluír aos exconsellers Antoni Comín e Clara Ponsatí como candidatos ás eleccións europeas.

Desaparecen tras ir votar e son atopados nunha saída da A-8

Foron a votar onte e desapareceron do mapa ata primeira hora desta tarde. Pero Primitivo Marrube e Celsa Chao, matrimonio de octoxenarios de Ferreira do Valadouro, apareceu san e a salvo nunha saída da A-8 á altura de Lourenzá. Un operativo buscounos nas últimas horas despois de que se lle perdese a pista ao seu coche tras ter comido nun restaurante de Mondoñedo .

Non perdeu o cartón, a un eumés estafoulle unha prostituta

Un eumés finxe unha estafa por cargos ao seu cartón bancario que realizara unha meretriz. Presentou unha denuncia ante a Garda Civil despois de facilitar á traballadora sexual os seus datos para que cobrase uns servizos prestados. Primeiro presentouse no cuartel de Pontedeume e dixo que extraviara o cartón e que lle fixeron cargos por valor de 1.200 euros. A súa muller, despois, aumentou a cifra ata 1.500. Ao parecer, a prostituta aproveitou os datos do cartón para realizar cargos non autorizados.

Abanca pulveriza os seus mellores rexistros

Melloran os números da entidade bancaria galega Abanca. Gañou 156 millóns entre xaneiro e marzo, un 0,6% máis que o ano anterior. Ademais, o banco en mans do presidente da venezolana Banesco, Juan Carlos Escotet, bate a súa marca de volume de negocio, chegando aos 70.000 millóns de euros. Mellora os seus rexistros tanto en carteira de clientes, como en captación de recursos e financiamento a empresas e autónomos.

En boca de

As mulleres tamén roncan, non só os homes. E o peor é que elas tenden a subestimar os seus ronquidos, tanto en frecuencia como en volume, segundo revelou un estudo do Centro Médico da Universidade Soroka en Beersheba (Israel). O 88% delas faino, só o 72% admíteo: «As mulleres tenden a ignorar o feito de que roncan e subestimar o volume dos seus ronquidos»

Tamén para ti

Misas ao estilo «plasma» en Negreira

En vídeo | En San Pedro de Gonte seguen as misas en vídeo polo boicot do cura. Comisión de festas e sacerdote manteñen un enfrontamento por cuestións económicas.