O ¡zas! do CIS

Iago García
Iago García LA VOZ

PODCAST

EUROPA PRESS

A nova sondaxe foi capaz de pór de acordo a Podemos, PP e Cidadáns. Algo que parecía imposible, pero que Tezanos conseguiu. Escoita aos protagonistas do día e mira todo o que pasou hoxe

28 feb 2019 . Actualizado ás 21:09 h.

ESCOITA O noso PODCAST BAIXO ESTA LIÑA

Coñécelo de oídas

Irene Montero deulle a razón a Pablo Casado e a Albert Rivera en algo. Parecía imposible, pero conseguiuse. Só o CIS podía ter posto de acordo posturas tan antagónicas. O CIS e os seus resultados. Deica pouco vai haber que pedir que o VAR revise os seus prognósticos. O último é que o PSOE arrasa. Tres de cada dez votos serían para os socialistas. E as contas sairíanlle a Sánchez pactando só con Podemos. Con tantas sorpresas xa se baralla a Isabel Gemio para sustituír a José Félix Tezanos. Botarlle unha ollada ao CIS é como estudar na Rey Juan Carlos: ninguén sabe que credibilidade teñen os seus títulos. Cidadáns cae á terceira praza, o PP subcampión, Podemos cuarta forza e Vox apenas conseguiría un 5,9% dos votos. A España dos balcóns de Casado, Abascal e Rivera sae danada. Pero na eliminatoria electoral, o partido de volta sempre se xoga nas urnas. E con Tezanos os goles fóra de casa poden valer o dobre... ¡Escoita enteiro noso podcast dándolle ao play!

Hoxe en La Voz

Zoido, Rufián e Urkullu no xuízo do procés

Tres testemuñas declararon hoxe no Tribunal Supremo. Mentres o exministro do Interior, José Ignacio Zoido, desvinculouse por completo das cargas policiais do 1-O ao manifestar que a orde de intervir dérona «os operativos»; o lendakari Urkullu si recoñeceu a súa participación activa como mediador entre Goberno central e a Generalitat. Isto contradí o exposto onte por Mariano Rajoy. Gabriel Rufián, de Esquerra Republicana, fiel ao seu estilo combativo, cargou contra os avogados de Vox e negou que a manifestación do 20 de setembro de 2017 fose unha rebelión porque puido irse a «merendar». Un Rufián que hoxe lle negou o saúdo a Santi Vila, quen dimitiu como conselleiro antes da convocatoria do referendo.

Alexandra Fernández, de En Marea, dá un paso atrás

A deputada galega de En Marea, Alexandra Fernández, decidiu pór fin á súa carreira política co final da lexislatura, tal e como confirma nun comunicado que colgou na súa páxina de Facebook. «Nestes tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volto agora a ela, mantendo ou meu compromiso militante desde a base». Fernández é militante de Anova .

Pachi Vázquez está de volta

O que fose conselleiro de Medio Ambiente co bipartito e candidato autonómico do PSdG, Pachi Vázquez, presenta Espazo Común, a súa nova formación política. O exalcalde do Carballiño concorrerá ás municipais de maio e non descarta máis candidaturas, tanto na provincia de Ourense como no resto da comunidade.

Con Hitler e contra as «feminazis», o novo autobús de Faiche Oír

Primeiro foi o seu autobús rotulado coa mensaxe, «Os nenos teñen pene, as nenas teñen vulva. Que non che enganen», polo que Faiche Oír acumulou multas por incumprir leis de transfobia. Agora a asociación ultracatólica, á que o Goberno retirou o seu status de utilidade pública, polo que obtiña vantaxes fiscais, volve á carga. A súa nova misiva é #StopFeminazis. Piden a PP, Cidadáns e Vox a derrogación da Lei de Violencia de Xénero e das normas LGTBI autonómicas.

Sen vacinas non hai clase (en escolas infantís da Xunta)

A Xunta de Galicia non admitirá nas súas escolas infantís a nenas e nenos que non estean ao día co calendario oficial de vacinas. A medida da Consellería de Política Social, que xa adiantamos en exclusiva en La Voz de Galicia pretende concienciar aos pais sobre a importancia da vacinación infantil para garantir a saúde pública. Aplicarase, se é posible, xa no próximo curso.

En boca de

«Precariedade, discriminación e sexismo», a outra cara do Mobile. Catro idiomas, talla 36/38, saia curta, maquillaxe obrigatoria, zapatos de tacón de cinco centímetros. Pero aí non queda a cousa: as mulleres que midan máis de 1,75 metros cobrarán 7,2 euros brutos a hora e as que midan menos de 1,75 metros cobrarán un euro menos. Así son as indignantes condicións de traballo para as azafatas do Mobile World Congress, a feira máis importante a nivel mundial de telefonía móbil que se está celebrando en Barcelona.

Tamén para ti

a narcoabogada tania varela recupera a memoria

A letrada, condenada por tráfico de drogas, sostén que as compras investigadas pagounas co seu diñeiro, cuxo orixe non soubo probar a Policía Nacional. Mira o vídeo.