O Concello de Xunqueira de Ambía recoloca á familia á que lle ardeu a casa

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

XUNQUEIRA DE AMBÍA

Miguel Villar

Parte da vivenda será derrubada polo mal estado no que se atopan

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A familia que o pasado venres perdeu a casa onde vivía alugada na parroquia de Meri, en Xunqueira de Ambía, foi recolocada nunha vivenda da capitalidade do concello, onde permanecerá ata atopar unha solución. O incendio que ao mediodía calcinou por completo a vivenda deixou á familia, un matrimonio de nacionalidade romanesa cunha filla, sen nada.

O alcalde, José Luis Gavilanes, visitou este sábado a parroquia para comprobar os danos do lume. Houbo que cortar un paso do pobo, xa que parte da vivenda afectada está sobre el, por risco de derrumbe. A vivenda que ardeu está rodeada de máis casas e a sorte fixo que non houbese que lamentar máis que danos materiais e só nun inmoble. «Foi ao redor dunha do mediodía, na casa non había ninguén pero enseguida vimos o lume e avisamos. Tivemos medo de que pasase ao resto das casas xa que están todas pegadas», sinalaba unha veciña da localidade. Eles, os poucos habitantes de Meri, intentaron ao principio cos seus medios evitar que as chamas se propagasen. «Eu collín unha mangueira e subín ao tellado da miña casa para intentar que o lume non chegase á miña. Pero enseguida vin que era moi perigoso», relata o veciño da casa de ao lado. No momento do incendio, os inquilinos non se atopaban na vivenda, polo que este sábado aínda non se sabía cal puido ser a orixe das chamas. A familia levaba pouco tempo vivindo na casa. Este sábado realizáronse labores no inmoble para apontoalo, xa que algunha parte presentaba danos importantes na súa estrutura.