O Concello de Xinzo embelece ao Alameda do Toural

La Voz

XINZO DE LIMIA

cedida

Renovouse o sistema de rega, plantáronse flores e cambiáronse os bancos

16 jun 2021 . Actualizado ás 13:28 h.

O Concello de Xinzo de Limia traballa estes días na mellora da Alameda do Toural. Para esta zona verde da vila  prevese unha posta a punto integral que incluirá, ademais do saneamento de áreas verdes, a renovación de catro bancos de formigón. A idea do executivo local é darlle nova vida aos bancos que foron retirados porque estaban deteriorados. Os artistas Niveis e Ozono serán os encargados de dar unha nova imaxe aos bancos, de forma similar á que se fixo nalgúns cadros eléctricos e que agora tamén teñen unha función ornamental. A intención é facer un espazo máis agradable que se converta na primeira opción para moitas persoas que buscan un lugar de lecer ao aire libre.

O arranxo dos bacos non é a única actuación. Nos últimos día traballouse no arranxo dun sistema de rega para evitar a herba seca nalgunhas zonas. Para embelecer este espazo plantáronse ducias de hortensias e rododendros, unha actuación que levar a cabo noutros puntos do municipio e tamén con outras especies como surfinias, tagetes, glicinas, dimorfotecas, conchitas ou diosmas.

O Concello lembra que nos últimos meses procedeuse á remoción de diferentes árbores en mal estado situados na Alameda que supuñan un grave perigo xa que existe risco de caída en calquera momento. Esta acción levou a cabo seguindo as pautas dos expertos. O goberno local encargou un informe para examinar a fondo as diversas especies de árbores. Co asesoramento técnico da arboricultura e o traballo dos profesionais na materia, continuaranse emprendendo as correspondentes accións de saneamento e mantemento. O executivo local está ultimando estas obras de acondicionamento das zonas verdes agardando que este verán, no que a pandemia parece poder dar un respiro, veciños e visitantes gocen do lecer seguro e agradable dos espazos exteriores que ofrece o concello.