Contar historias

María Doallo Freire
María Doallo NON SE NADA

XINZO DE LIMIA

04 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Explótame o corazón. Vale que no meu caso non é tan sorprendente porque teño tremenda tendencia a esaxeralo (e a celebralo) todo, pero é así. Inchóuseme tanto que temo que rebente e salpíqueo todo de confetis. Aínda que o resultado non estaría mal para unha festa, que por certo, de organizala que non falte a champaña e que estea presidida por un enorme globo vermello en forma de 3. Porque este xornal que sostés é o terceiro medio máis lido en España e a min non me cabe o orgullo no peito. Estou completamente orgullosa do lugar no que traballo, da casa na que se converteu para min e da familia de profesionais, compañeiros e amigos que lle dan vida. Sempre defendín que o meu oficio, o mellor do mundo, tradúcese en contar historias, en tratar de ser a voz das persoas. Dá igual que sexas Alexia, Inés ou Paula, tres adolescentes do IES 12 de Outubro loitando pola igualdade na educación; que sexas Roberto Verino presentando unha nova colección inspirada na procura da comodidade que xerou o confinamento. Dá igual que che apelides Bouza e decidas subir a persiana dun novo bar en metade da pandemia; que sexas Loli Martínez, a primeira muller pantalla de Xinzo; ou que che chamasen Chachi, foses o profesor de cociña máis alegre de todo Vilamarín e unha enfermidade acabase coa túa vida demasiado pronto. En La Voz de Galicia aprendín que as grandes historias as fan as persoas e que todas elas teñen algo incrible que contar. A ti, que agora as les pero seguro xa protagonizaches algunha, dobremente grazas. Porque isto é cousa túa, aínda que me vas permitir un par de días de corazón completo e explosión de felicidade. ¡Moitas grazas!