A vida en fragmentos

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

XINZO DE LIMIA

Miguel Villar

Os cadros de Francisco Ramos poderán visitarse no Museo Municipal ata xaneiro do 2020

09 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O ourensán Francisco Ramos, natural de Morgade (Xinzo de Limia), acaba de presentar no Museo Municipal a que é a súa primeira exposición individual. Baixo o título Fragmentos de existencia, o artista reúne unha colección de vinte acuarelas e un óleo nos que comezou a traballar fai catro anos, cando lle propuxo á dirección do museo ourensán a realización desta mostra. «Quería facer un resumo vital dun proceso autoxenético. Para min verdadeiramente foi unha sorpresa moi agradable recibir a chamada dá directora na que me comunicaba que íamos adiante coa exposición», explica Ramos.

Nos seus cadros destaca a capacidade para plasmar imaxes cotiás como natureza, igrexas, paisaxes de Galicia... sobre os que aplica un puntillismo de cor que os fai diferentes e achégalles brillo e alegría, a partes iguais. Precisamente esta sintonía non é casualidade. «Hai escenas que se as representase ao natural podían parecer cargadas de tristura e soidade, por iso decidín usar a cor, co fin de poder expresar vida», conta.

As súas obras formarán parte do Museo Municipal ata xaneiro do 2020 e, aínda que acaba de estrear, parece que ao público ourensán gústalle o traballo de Ramos se se atende á asistencia dos últimos días. «Estou notando que á xente lle gusta e que atopan a vida e a alegría na miña obra, algo que para min é moi importante. Polo de agora, coméntanme que lles agrada que cada cadro sexa distinto para romper coa monotonía», afirma o autor. Aínda así, Francisco Ramos admite que os seus familiares e amigos decatáronse fai ben pouco da súa afección e da súa vocación pola pintura. «Moita xente sorprendeuse porque non sabían nada, non quería contalo sen ter unha mostra en marcha. Estou moi contento e quero desfrutalo ao máximo», finaliza o artista.