As poxas arrincan o ano 2019 pondo no mercado seis pisos

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

Na oferta inclúense inmobles en rúas da capital como Ervedelo ou Valle-Inclán

12 ene 2019 . Actualizado ás 10:39 h.

A primeira poxa do ano 2019 de bens embargados pola Tesourería Xeral da Seguridade Social xa está ao virar a esquina. Será o vindeiro martes, 22 de xaneiro. Nos lotes que se porán a disposición de quen poida estar interesado inclúense un total de dez vivendas, que adoitan ser as que teñen unha mellor saída entre os aspirantes. Algunhas delas atópanse en rúas da capital que teñen un bo tirón dentro do mercado inmobiliario como é o caso de Valle-Inclán ou Ervedelo da capital ourensá, aínda que tamén hai vivendas no Barco de Valdeorras, Verín ou Xinzo de Limia.

Os interesados poderán optar, por exemplo, a facerse cunha leira urbana valorada en case 107.000 euros e que se atopa na rúa Valle-Inclán da cidade de Ourense. Conta cunha superficie construída de 86 metros cadrados, dos que 74 son útiles e conta cun trasteiro anexo na planta baixo cuberta. Iso si, a vivenda ten cargas pendentes coa Facenda Pública do Estado (4.699 euros) e co Concello de Ourense (37.009 euros), polo que elevaría o seu prezo final. A poxa parte dunha cantidade inicial de 65.279 euros.

Sen saír da capital ourensá pódese optar a un piso na rúa Ervedelo. Está nunha cuarta planta e conta cunha superficie de 139 metros cadrados. A tasación sitúase, neste caso, nos 89.403 euros e ten unha hipoteca pendente por importe de 57.000 euros. A poxa arrinca nos 32.148,94 euros. Outra opción para os cazadores de ofertas inmobiliarias na cidade é un piso na rúa mestra Paz Sueiro, na zona universitaria. Conta cunha superficie útil de 50 metros cadrados. Ten trasteiro e conta cunha tasación de case 200.000 euros. De forma conxunta inclúese unha praza de garaxe, tamén con trasteiro, que eleva o prezo final do lote ata os 239.650 euros. Sobre ambas as propiedades pesa unha hipoteca e a poxa arrincará nos 205.000 euros. A última opción na cidade é un piso na estrada de Vigo, na zona do Pino, con máis de 100 metros cadrados e que se poxa a partir dos 47.000 euros.

Xa fóra da capital tamén hai propostas para os interesados por puxar nunha leira urbana. No Barco de Valdeorras ponse a disposición dos cidadáns un piso na avenida da Deputación, con 90 metros cadrados e con praza de garaxe incluído. A poxa arrinca en 80.971 euros e sobre a propiedade pesa unha hipoteca de algo máis de 30.000 euros. Outra vila ourensá con oferta nesta poxa é Xinzo de Limia. Ponse sobre a mesa unha vivenda na rúa Curros Enríquez, cunha superficie de 121 metros cadrados. Con esta vivenda ofértase tamén unha praza de garaxe e un trasteiro. O importe final de saída das tres propiedades é de 51.593 euros. En Verín, pola súa banda, poderá puxarse por dúas prazas de garaxe, mentres que hai un lote de leiras rústicas valoradas en 11.837 euros. Están todas situadas en Seadur (Larouco).

A poxa do 22 de xaneiro é a primeira do ano. De acordo cos datos facilitados pola Tesourería Xeral da Seguridade Social no 2018 realizáronse unha ducia de poxas con diferentes lotes en cada unha delas.

A poxa pode realizarse de xeito presencial ou cunha oferta nun sobre pechado

As imaxes que todo o mundo ten na cabeza das poxas das películas pode levar a engano de como se actúa nas xestionadas por parte da Seguridade Social. Sen tanto encanto, a presenza de xente nestas poxas é moi reducida e limítase a persoas concretas interesadas nunha propiedade determinada. Segundo fontes da Seguridade Social, os pisos e as prazas de garaxe son as que teñen unha saída máis rápida neste tipo de poxas e o habitual é que moitas das propiedades, en especial as leiras rústicas, teñan que saír a poxa en reiteradas en ocasións. De feito, na primeira do ano hai moitas leiras que se poñen no mercado por segunda vez.

O procedemento para facerse cunha destas propiedades é sinxelo e está aberto a calquera. Hai dúas formas de participar na poxa. A primeira é mediante a presentación dunha oferta en sobre pechado antes da data da poxa. Debe de acompañarse dun depósito de polo menos o 25 % do tipo de poxa. Tamén debe incluírse documentación sobre a identidade do ofertante. A segunda posibilidade é a presentación de oferta de xeito verbal o día da poxa. Nese caso deberá de pórse sobre a mesa un aval polo 75 % do prezo de saída.