Cualifican de «malgaste» pagar 4.800 euros por alugar carrozas de fóra para o desfile de entroido

La Voz OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

ÍÑIGO ROLÁN

O concelleiro Carlos Salgado avalou o gasto e anunciou que se continuará con esta iniciativa

11 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Concellaría de Cultura de Xinzo de Limia, da que é titular o deputado autonómico do PP Carlos Gómez, contratou os servizos dunha empresa viguesa para o alugueiro de catro carrozas para completar o desfile de martes de entroido de 2018.

A factura abonada polo Concello á sociedade viguesa C.A. Totality Group S.L.U. elevouse ata unha cifra que supuxo preto do 8 % do montante total da axuda do Concello para o ciclo dun mes das festas do entroido. Foron 4.840 euros, dos 75.000 totais cos que o Concello sufragou os festexos.

Fontes da comisión organizadora do entroido deste ano negaron categoricamente que eles fosen consultados sobre esa contratación, cuxo custo foi considerado «disparatado» por estas fontes. A decisión desa contratación correspondeu ao edil. Gómez Salgado, pola súa banda, avalou ese gasto e anunciou a continuidade da iniciativa. «O desfile estaba en decadencia e decidimos darlle brillantez con esas catro carrozas -algunhas fontes do PP aseguraron que só dous-, que foron encomiadas polos cidadáns. Creo que o gasto está sobradamente xustificado».

Veteranos do entroido de Xinzo, como Julio Martínez Santana, que leva medio século colaborando nestes festexos, cualificaron de «elevado» este gasto. «Nunca se contratou directamente un aluguer para un desfile e menos por ese gasto tan elevado», opinou Martínez Santana. Outro histórico do entroido, Arsenio Martínez, Nito, que levou dúas carrozas ao desfile desinteresadamente, negou ter recibido algo do Concello por iso.

O portavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, indicou: «É un derroche absoluto, un disparate. Trátase dunha cantidade desorbitada por un capricho do concelleiro e deputado. É un agravio comparativo enorme para a xente daiquí que vai de balde coas súas carrozas a animar o desfile».