A reclamación de zona de urxencia para A Limia chegará á Deputación

La Voz OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

O PSOE levará a petición ao próximo pleno

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo provincial socialista na Deputación presentou unha moción na que solicita que o organismo se some á petición exposta pola asociación de produtores de pataca da Limia para urxir ao Goberno a declaración de zona de urxencia en oito municipios antelanos. Esta solicitude, que facilitaría axudas do Estado, está motivada polos anegamientos en centos de leiras cultivadas nesa comarca.

A edila en Xinzo e deputada provincial, Elvira Lama, asegurou: «As perdas causadas polas cheas na Limia son cuantiosas, sobre todo no cereal de inverno». Lama considero que o ente provincial está obrigado a apoiar esta proposta ante os problemas derivados da situación de anegamientos na principal zona agrícola ourensá. A proposta do PSOE tamén urxe á Xunta a realizar unha avaliación concreta dos prexuízos provocados polos anegamientos nas parcelas desde hai máis dun mes.

Os agricultores limianos criticaron nos pasados días a demora de sete concellos antelanos en aprobar a proposta realizada pola agrupación a principios deste mes. Os agricultores mostráronse especialmente críticos coa pasividade da Xunta e dos concellos parra limpar canles, pistas e cunetas onde se acumula a auga desde hai meses en municipios como Xinzo, Sandiás, Xunqueira de Ambía ou Trasmiras. Os danos estimados no cereal de inverno na Limia roldarán os 7 ou 8 millóns de euros.

O sector agrícola limiano xa se viu moi prexudicado o ano pasado pola xeada de abril, a saraiba de xullo e pola prolongada seca dos meses de verán e outono.