As obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial de Vilamarín custarán 200.000 euros

La Voz

VILAMARÍN

miguel villar

Na actualidade o subministro do polígono depende do depósito da municipalidade e do de Bouzas

29 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Catorce empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de acondicionamento das captacións e mellora do abastecemento ao parque empresarial e os núcleos das Quintás e da Ría, no concello de Vilamarín. Esta actuación, licitada por un importe duns 200.000 euros, teñen un prazo de execución de catro meses. Os traballos que se levarán a cabo teñen como obxectivo a mellora do abastecemento no parque empresarial de Vilamarín, así como a os citados núcleos da parroquia de San Vicente de Reádegos. A Xunta asumirá o 82,6 % do seu custo, cun investimento de máis 165.000 euros e o Concello disporá o 17, 3% restante, preto de 35.000 euros

Na actualidade o subministro do parque empresarial depende do depósito de Vilamarín e do de Bouzas, con captacións deficitarias que fan que en época estival o subministro sexa insuficiente; así como do depósito da Pena, que á súa vez se nutre do de Moure, no veciño concello de Coles. Para mellorar este sistema de abastecemento proxéctase a execución dunha tubaxe de que conectará co ramal que vén do depósito da Pena e, á súa vez, conectará co ramal que abastece ao parque dende o depósito de Bouzas. Isto permitirá formar unha rede cerrada en anel que estabilice o caudal e a presión, e que posibilite tamén ter a opción de encher o depósito de Bouzas no caso de deficiencias. A intervención proxectada nos núcleos de Quintás e da Ría vén derivada do mal estado no que se atopa o colector que conecta o depósito radicado en San Vicente de Readegós, do que se abastecen. Os traballos no concello de Vilamarín completaranse co acondicionamento das captacións de abastecemento existentes e que na actualidade non dispoñen de ningún sistema que impida o acceso ás mesmas. Para iso realizarase o desbroce e cerramento perimetral con dúas filas de bloque de formigón e malla metálica e para o acceso colocaranse portas.