Un incendio calcina a nave de un serradoiro no polígono de Vilamarín

La Voz OURENSE

VILAMARÍN

Numerosos medios de extinción estiveron durante sete horas sufocando as chamas, que esnaquizaron parte da instalación

09 ene 2020 . Actualizado ás 10:13 h.

Un incendio de causas por agora descoñecidas afectou na noite do mércores a unha nave industrial, en concreto un serradoiro, do polígono empresarial de Vilamarín. Os bombeiros do Carballiño recibiron o aviso pouco antes das nove da noite, desprazando ata o lugar dúas unidades, que posteriormente foron reforzadas por efectivos de Protección Civil de Vilamarín e O Carballiño, así como do GES de Ribadavia. Dentro da nave, situada ao pé da N-525 e moi preto dunha gasolineira, almacenábase unha gran cantidade de serrín polo que foi necesario tamén a presenza, para evitar a rápida propagación das chamas, dunha dotación da Deputación e outra de Axega. Entre todos lograron controlar o incendio e evitar que se estendese pola zona empresarial de Tamallancos. Segundo confirmaron esta mesma mañá os bombeiros do Carballiño, permaneceron na zona ata as catro da madrugada. 

Por fortuna, á hora á que se iniciaron as chamas non había ninguén dentro da nave, polo que non se produciron danos persoais. Nas próximas horas farase, seguramente, unha valoración dos danos materiais, xa que o tellado da nave veu abaixo durante o incendio.