Miles de persoas desafiaron as altas temperaturas para catar os viños das 19 adegas participantes
12 ago 2024 . Actualizado á 05:00 h.Conseguir unha noite de hotel en Verín esta fin de semana era misión imposible. A maioría dos establecementos colgaba o cartel de completo ante a enorme afluencia de xente que a feira do viño de Monterrei provocou na localidade. As dos hoteis non son os únicos cuartos cheos, as casas familiares tamén están repletas ante a volta de todos os que o resto do ano viven fóra. Agosto en Verín é un mes de enorme trafego que ten o seu punto álxido nesta fin de semana chea de actividades. Nótase nas rúas, no parque da Alameda a rebordar e nas colas para conseguir unha mesa nas terrazas da praza Maior.
A calor esmagadora (o sábado acadáronse os 41 graos, segundo a Aemet) non puido frear unha tarde de goce na capital do Támega, aínda que si atrasou un pouco o cheo das rúas da zona vella, que se prolongou ata ben entrada a madrugada. Foron moitos os que se achegaron para participar nas catas pasando polos distintos postos das adegas. A copa para degustar tiña un prezo de dous euros, pero a maioría apuntouse ao bono de cinco degustacións. O proceso é sinxelo: os viños sérvense mediante a entrega de tíkets, que se poden conseguir en calquera das entradas ao recinto. Tamén se pode acudir directamente ao posto dunha adega a por unha botella, que neste caso ten un prezo de dez euros.
A Alameda verinesa desvélase como o emprazamento perfecto para a festa. As rúas que a rodean en forma de óvalo serven de circuíto para percorrer os postos das 19 adegas participantes, así como para os postos gastronómicos. Desta forma é moi cómodo ir catando un por un e parando a por algo para comer. No centro, o amplo parque estaba o sábado sementado de enormes grupos de amigos e familias aposentados nas cadeiras e mesas instaladas, relaxándose e charlando mentres degustaban viño, empanadas ou tapas de polbo. Era difícil camiñar pola zona. Nalgúns momentos había que facerse oco entre o público. Os muros do parque, sobre os que se colocaron cubertas de cortiza para que funcionasen como mesa, foron a zona máis cotizada para as noites. A programación musical que acompaña á cita organizada polo Consello Regulador do D.Ou. Monterrei e o Concello de Verín é a guinda do pastel para a festa. Se o venres foi Mercedes Peón quen fixo saltar ao público, o sábado o grupo de rock alternativo Soul Teller luciuse na praza Maior. O cartel pechouno Quinkillada para despedir a quen apurou a cita cos viños de Monterrei ata o último momento.