Que non pare a música en Verín

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

VERÍN

Cedida

O conservatorio verinés organizou un concurso co que celebrar musicalmente o entroido

23 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Este ano non haberá entroido na provincia de Ourense. En plena terceira onda, o covid impide que sexa posible pensar en calquera festexo que implique aglomeración. Pero desde o Conservatorio de Verín, un dos municipios con maior tradición carnavalesca, propuxeron aos seus alumnos unha celebración simbólica e organizaron un entroido musical. Trátase dun concurso dirixido a todos os alumnos do conservatorio, de calquera idade, nivel ou instrumento. O concerto será o día 11 de febreiro ás 20.00 horas. Nel, cada participante interpretará a peza que teña escollido e farao cunha peculiaridade, mentres está disfrazado de algo que teña que ver con esa composición. «É dicir, se escollen O campesiño alegre, de Schumann, que se vistan campesiño, por exemplo. Se prefiren interpretar a banda sonora de Piratas do Caribe, pois xa saben, de corsarios. Queremos que se divirtan e que o fagan a través da música e en honra ao noso entroido», explica Álvaro Blanco , director do Conservatorio. A iniciativa xa chamou a atención dunha vintena de alumnos que están emocionados coa idea de disfrazarse e de seguir tocando. Poderán apuntarse todos os que queiran ata o vindeiro venres, que remata o prazo de inscrición. O concerto, de forma presencial, verano o resto de participantes e o profesorado, pero desde o centro non descartan lanzar algún xeito para permitir que os veciños poidan gozalo online.

¡Grazas ao comercio local!

Ademais desta celebración musical, o Conservatorio de Verín estes días está de parabén, pois acaba de conseguir ampliar os seus recursos cun lote de instrumentos novos, froito da solidariedade dos negocios locais verinés. O centro converteuse en Conservatorio Profesional de Música este curso. «Grazas ao esforzo, ao apoio e á adaptación das instalacións por parte do Concello conseguímolo», explica Javier Díaz, presidente do ANPA do centro musical. Pero estaban escasos de recursos e puxeron en marcha unha campaña de colleita de diñeiro para comprar instrumentos. Coa axuda dos hostaleiros e comerciantes da cidade, e grazas ás súas doazóns directas, recadaron 10.000 euros, aos que a Deputación de Ourense sumou 30.000 máis. «Estamos abraiados e emocionados de ter recibido tal apoio por parte dos nosos negocios locais, máis nun momento como o actual, tan duro para eles. Estamos totalmente agradecidos e queremos que saiban que nos imos envorcar co comercio verinés», afirma Javier. Un piano de cola, unha marimba, un saxofón tenor, clarinetes, cornetas, timbales, xilófonos, pratos e pandereitas novas xa soan nas aulas do Conservatorio de Verín.