A provincia rolda outra vez o milleiro de casos de covid tras varios días á alza

La Voz OURENSE

VERÍN

Clientas de un bar de la capital saliendo del negocio minutos antes de las seis de la tarde, hora de cierre
Clientas dun bar da capital saíndo do negocio minutos antes das seis da tarde, hora de peche Santi M. Amil

Entre o sábado e o domingo contabilizáronse 91 novos contagios e dúas mortes

11 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os contagios por coronavirus na provincia seguen á alza. Este domingo, 10 de xaneiro, a consellería de Sanidade ofreceu un balance moi negativo da evolución da pandemia, xa que Ourense volve estar moi preto do milleiro de casos activos, tras contabilizarse 91 contagios novos nun só día. Así as cousas, son 947 as persoas atravesando a enfermidade agora mesmo, tras rexistrarse subidas en moitas localidades. Durante a fin de semana habido ademais que lamentar dúas novas mortes, situándose xa en 315 os falecidos por covid-19 desde o pasado mes de marzo. Trátase dun home 87 anos que estaba ingresado no hospital comarcal de Verín e doutro home de 72 anos que convalecía no CHUO.

O comezo do 2021, xa que logo, poucas noticias positivas achega á área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que viu como nos primeiros días do ano os contagios non deixaron de crecer, seguramente como consecuencia das reunións familiares e sociais que se mantiveron durante as festas do Nadal. Así, o pasado 30 de decembro, a piques de pecharse o 2020, na provincia había 525 casos activos. Agora, cando nin sequera pasaron quince días desde entón, a cifra vai camiño xa do milleiro tras rexistrar desde entón incrementos diarios.

Na capital da provincia, que desde este sábado volve ao confinamento perimetral xunto con Barbadás e coa obrigación para os bares de pechar as portas ás seis da tarde, contabilizouse de novo outro repunte, ascendendo a 278 os casos activos. En Verín, que tamén está suxeito a un confinamento perimetral, os casos positivos de covid son xa a 118, mentres que o veciño Monterrei se recuperan 25 enfermos.

Tampouco é boa a situación en Xinzo, onde xa hai 93 casos positivos, preocupando así mesmo os 38 casos activos de Allariz, os 25 do Carballiño, 22 de Vilamarín ou os 28 detectados en Muíños. Lobeira ten outros 22 veciños infectados e as cifras son algo menos preocupantes en Sarreaus e A Rúa, con cinco casos cada unha. O virus, polo tanto, séguese propagando por toda a provincia na que xa se considera a terceira onda do virus, que desde o inicio da pandemia afectou a 9.319 ourensáns. Deles máis de oito mil, en concreto 8.058, conseguiron superar a enfermidade.

Residencias

E no relativo ás residencias, preocupa a situación no Fogar Residencial Santa María, de Verín, onde se detectou o sábado un brote importante. Segundo os últimos datos do Sergas, nesa residencia hai 25 maiores contaxiados de covid e seis traballadores afectados. Así mesmo, hai catro usuarios da residencia A Saleta, en Cea, que están atravesando tamén a enfermidade. No relativo aos traballadores infectados, aos seis de Verín súmanse outros nove repartidos por centros de Larouco, Leiro, Ourense e Pereiro de Aguiar. En total son agora mesmo un total de quince as persoas contaxiadas que prestan servizo en residencias.

Ao tempo, sobe a presión nos centros hospitalarios, rexistrándose o domingo sete novos ingresos. Son xa 37 os pacientes que se recuperan do coronavirus nos hospitais de Ourense e Verín, este último con cinco enfermos. Preocupa especialmente a evolución de tres delas, ingresadas na Unidade de Coidados Intensivos do complexo hospitalario da capital.