114 novos positivos elevan a 1.040 os casos activos en Ourense

María Cobas Vázquez
María Cobas O Barco

VERÍN

El domingo se analizaron 1.364 PCR en el área sanitaria de Ourense, Verín y Valdeorras
O domingo analizáronse 1.364 PCR na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras Santi M. Amil

Crece a presión asistencial no CHUO e o hospital comarcal de Verín

11 ene 2021 . Actualizado ás 11:29 h.

Outros 114 positivos detectados o domingo elevan a 1.040 os casos activos na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Desta forma, a provincia supera o limiar do milleiro de pacientes con coronavirus, regresando a datos de principios de outubro, coa curva da segunda onda en subida. Agora, sen ter moi claro se é unha terceira onda ou un rebrote da segunda, como explicaba a semana pasada o xerente da EOXI, Félix Rubial, a curva segue mostrando subida. A provincia acumula catro xornadas consecutivas con máis de 100 novos contagios.

Baixando ao detalle, son 10 os concellos que máis preocupan, por estar mostrando unha incidencia acumulada moi alta nos últimos 14 días e, sobre todo, por tratarse (nalgúns casos) dunha poboación envellecida. Preocupan os maiores porque son os que peor diagnóstico teñen e tamén porque a súa evolución é a que adoita vir acompañada de maiores complicacións. O Concello con maior número de positivos é a capital, onde hoxe son 329 os veciños contaxiados de coronavirus. Supón un centenar máis dos que había o xoves, véspera de que se anunciasen as novas restricións. Ourense volve estar pechada perimetralmente xunto a Barbadás, e a hostalería ten que pechar o enreixado ás seis da tarde. Aínda son poucos días para ver a efectividade das medidas, pero de momento a tendencia é mala. En Barbadás tamén soben os casos, e xa son 52 os veciños contaxiados. En ambos os casos supón unha incidencia acumulada a 14 días de máis de 250 casos por 100.000 habitantes, o que supón que ambas as localidades están en risco extremo.

Máis tempo con medidas restritivas levan en Verín e Xinzo, e tampouco foron capaces de dobregar a curva. En Verín os casos activos están xa en 116, cunha importante subida nos últimos días provocada, en boa parte, polo brote detectado na residencia de maiores. Pero segue habendo contagios fose do centro, do mesmo xeito que segue sumando casos Monterrei, onde se contan 27 positivos. Mellor é a tendencia en Cualedro e Castrelo do Val (tamén pechados perimetralmente xunto a Verín e Monterrei, e coa hostalería só podendo servir en terraza), con 5 e 3 casos activos, respectivamente. Pero no conxunto da comarca a situación tampouco mellora, senón que seguen crecendo os contagios. Así, en Riós xa son 7 os veciños infectados, e hai un caso en Vilardevós e Laza, que ata a pasada semana estaban libres de covid. De feito, a día de hoxe só Oímbra está con cero positivos. Na comarca de Verín non só crece a curva, senón tamén a presión asistencial. En planta covid do hospital comarcal hai 6 pacientes ingresados. Non é unha situación única, tamén no CHUO soben os ingresos en planta covid. Son xa 36 pesronas, e tres máis en uci. 

E segue crecendo a magnitude da pandemia tamén en Xinzo de Limia, que superou o limiar dos 100 casos activos. Son 110 os veciños que deron positivo en coronavirus. A curva segue sinalando subida a pesar de que o peche perimetral e a obrigación de pechar os bares e restaurantes ás seis da tarde está imposta desde o pasado día 30. Non moi lonxe, en Sarreaus (coas mesmas medidas desde o pasado 12 de decembro), a tendencia é a contraria. Só quedan 5 pacientes con covid.

No resto da provincia, hai outros concellos que tamén comezaron a destacar polo número de contagios detectados nos últimos días. Nesa situación está Allariz, que suma xa 52 casos; O Carballiño, con 32; Muíños con 28 e Lobeira, con 21. Ademais, segue sumando casos Vilamarín, con 22 persoas infectadas.