Orgullosas e fortes mulleres galegas sen medo ao futuro

Carmen Santos LIÑA ABERTA

VERÍN

08 mares 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Pasados os setenta, a miña nai segue ca emoción dunha nena pequena as históricas manifestacións do 8-M que percorren as rúas de Galicia os últimos anos. Ela sempre tivo medo a manifestarse a consecuencia da educación franquista, pero participou nas primeiras folgas nas fábricas conserveiras de Portosín onde traballou dende os 11 anos con outras nenas da zona e as súas nais. Fixo folga para esixir aos patróns un xusto incremento salarial que conseguiron en 24 horas. Miña avoa botoulle unha bronca pese ao seu éxito, mentres meu avó orgulloso a azuzaba dicindo: «Deixa a chideiriña pequena que proteste, mira como tiñan toda toda a razón». Ela rise cando o conta porque eran tempos de ditadura, medo e necesidade onde era moito máis difícil facer revolucións, pero esta pequena vitoria, xunto as de tantas nais, avoas e bisavoas que constrúen o noso pasado colectivo de loita, foi unha das moitas que contribuíron a que nós hoxe vivamos un pouco mellor.

Sen embargo, en pleno século XXI as mulleres galegas seguimos a ter os salarios e pensións máis baixas do Estado. Non podemos conciliar afogadas pola vida laboral e familiar, as tarefas cotiás e os coidados. Seguimos sen acceder en igualdade aos postos de traballo cunha fenda salarial de case 400 euros -cun 77 % de contratos a tempo parcial e o 53,4 % dos contratos dunha semana a un mes-. Non temos dereito a escolas infantís de 0-3 anos universais, públicas e gratuítas que nos faciliten a maternidade. Seguimos sen poder atravesar eses enormes teitos de cristal nas nosas carreiras profesionais.

Mentres se manteñen acechantes e crueis as novas sobre violencias machistas ao paso de cada páxina dun xornal, a miña nai, que sempre tivo medo as manifestacións, atopa nos últimos anos motivos que a envalentonan cada vez que se achega o 8-M. Este ano repite mentres nega coa cabeza: «Mira que pecharlles o paridoiro en Verín. O paridoiro! Cómo se nota que non teñen qué parir! Carmen, hai que ir ao 8-M. Pecharon o paridoiro de Verín porque eles non teñen que parir, pero como a xente protestou na rúa saiulles mal».

Este 8 de marzo temos que inundar as rúas de novo. Polas nenas que hoxe son avoas e bisavoas e que con once anos traballaban nas fábricas, nas casas, ou no agro. Polas súas fillas que perderon o medo, e miran aos ollos en pé de igualdade, e polas que xa veñen e virán -tamén no paridoiro de Verín-. Orgullosas e fortes mulleres galegas sen medo ao futuro.