O efecto «paritorio de Verín» esténdese a Zamora

sindo martínez VERÍN / CORRESPONDENTE

VERÍN

Agostiño Iglesias

A carencia de pediatras desencadea protestas de veciños e alcaldes de Sanabria

28 ene 2020 . Actualizado ás 15:50 h.

 O que nas comarcas zamoranas de Sanabria e Carballeda coñécese como o efecto do «paritorio de Verín» xa ten consecuencias directas en forma de mobilizacións. Trátase, do mesmo xeito que Ourense, dunha zona cunha poboación moi dispersa, superior ás 9.000 persoas, e un grao de envellecemento moi alto. El chea de veciños e rexedores destas zonas limítrofes con Ourense pola escaseza de médicos, sobre todo de especialistas como matronas ou pediatras, concretouse na planificación de futuras protestas. Realizáronse asembleas veciñais, unha recollida de 800 firmas en catro días e a preparación dunha concentración ou manifestación en Zamora nas próximas semanas.

O problema é similar ao do hospital verinés. A Junta de Castela-León asegura que non hai especialistas médicos. «Agora mesmo non temos ningún pediatra no centro de saúde», asevera o rexedor de Puebla de Sanabria, José Fernández Blanco (PSOE). «Colleu vacacións e non hai substitución. O do paritorio de Verín tamén nos afecta aquí, xa que algunhas mulleres van parir alí. Para acudir ao hospital de Zamora por unha urxencia pediátrica, por exemplo, hai que percorrer 110 quilómetros por unha estrada pésima. A Verín chegas máis aprisa por autovía xa que hai uns 78 quilómetros. En media hora estás alí», sinala.

«Teremos unha reunión o vindeiro luns entre alcaldes da zona para organizar esas mobilizacións, pero a consigna é facer xa algo. Non estamos dispostos a aguantar máis. Polo momento, unha decisión é presentar sistematicamente queixas nos ambulatorios, onde hai escaseza de facultativos, atrasos e falta de planificación. En urxencias, por exemplo, aquí só temos un médico, non dous como antes», ejemplifica.

Non é a primeira vez que esta comarca se manifesta pola carencia da calidade asistencial. «Impulsamos tres manifestacións en Puebla e dúas en Mombuey xa hai anos. É un problema que vén de atrás», explica. Moitos pacientes destas comarcas van a Verín e non a Zamora a realizar as súas diáleses e outras probas en función dun acordo vixente de colaboración sanitaria do 2011 entre a Junta e a Xunta. O último bebé de Lubián, unha pequena localidade fronteiriza con Ourense e distante apenas 50 quilómetros da vila do Támega, naceu no hospital comarcal verinés en novembro. O alcalde, Felipe Lubián (PSOE), teno claro; «Hai aldeas como Porto que distan 180 quilómetros de Zamora. Temos que ir a Verín. É o lóxico, por iso todo o que está a pasar alí incúmbenos directamente. O peche do paritorio é un disparate».