O non peche do paritorio de Verín

Javier Castrillo / Rogelio Viñán / Sonia María García EN LIÑA

VERÍN

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras 52 días do xa famoso «peche» do paritorio, queremos apuntar que non se trata do peche dun paritorio, senón da asistencia continuada de pediatría das urxencias dun hospital, o de Verín, que dá asistencia a unha comarca na que existen 2.200 nenos en idade pediátrica. Aos lectores queremos facer participes deste punto, que nunca se remarca o suficiente e que é moitísimo máis perigoso para a saúde pública.

O Sergas non pode decidir como o fixo. Pechou a adecuada asistencia que os nosos nenos merecen e fíxoo dun xeito pouco apropiado. Para iso utilizou aos profesionais do hospital de referencia dunha forma descarada, permitiu que asinasen un documento facendo ver que as medidas se baseaban en decisións técnica e científicas e, tras mes e medio reclamando tales traballos, só presentaron un libro de recomendacións que son máis ben para xerencias que para profesionais do medicamento. E o que é peor, máis importante e daniño, as firmas dos nosos «compañeiros» que avalaban o noso peche en base a uns criterios inexistentes. Polo tanto, o que avalaban eran os argumentos iniciais da xerencia da Eoxi ourensá nos que propugnaban o peche dun paritorio pola perda de pericia dos profesionais. Para que os lectores saiban, os argumentos técnicos para a extinción da asistencia continuada non existen; o peche dun servizo de asistencia continuada dunha unidade hospitalaria de urxencias non é xustificable, salvo o peche absoluto e a disolución completa do devandito hospital.

E para os que aínda crean que o paritorio de Verín estivo pechado, a resposta é a mesma que demos hai mes e medio: o paritorio non pecha mentres teñamos embarazadas que acudan á rampla de urxencias, como quedou claramente constatado en tres ocasiones durante o noso teórico peche.

Todo isto que sucedeu, foi, é e será penoso. Penoso polo mal que se fixo, pola falta de tacto para connosco, pero o peor de todo é que a Administración non se dea conta que deixou aos nosos nenos sen protección médica e sen tutela efectiva teórica nun caso grave, que grazas a deus non se deu. Pero que, de darse, quen sería o responsable?

Todo foi un inmenso erro político, pero houbo máis erros: os dun colexio médico que non defende nin aos seus profesionais nas súas horas máis escuras, nin a uns nenos da comarca de Monterrei que foron durante mes e medio desatendidos. Esiximos que todos eses actores equivocados rectifiquen ou se poñan ao xuízo que a historia fará deles.