A mellor novela negra, os especialistas e os autores teñen unha nova cita en Verín

La Voz

VERÍN

Álvaro Vaqueiro

«Personaxes de novela» e o título das xornadas que se celebrarán na vila os días 24 e 25

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Nova cita coa novela negra na vila de Verín e a mesma chega neste ano co título de «Personaxes de novela». As sesións desenvolveranse no Auditorio e a organización da actividade corre a cargo da Biblioteca Municipal de Verín -que dirixe Vicente Rodríguez Xusto- e a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) -da que é secretario Miguel Losada-.

O día 24, sábado, as actividades comezarán ás 19.30 horas coa sesión «Do contrabando de tabaco ao tráfico de drogas en Galicia», ponencia que correrá a cargo de Enrique León Calviño, excomisario de Vilagarcía de Arousa. Ao remate será o médico forense e antropólogo Fernando Serrulla o que disertará sobre «O corpo do delito».

As sesións volverán ao Auditorio de Verín o sábado, a partires das 18.30 horas. Nesa altura será cando o xuíz e escritor José Antonio Vázquez Taín falará de «A novela negra como radiografía da realidade social». De seguido contarase co escritor Pedro Feijoo Barreiro, quen presentará a ponencia «A forma do lume» (19.15 horas). Rematarán as «Xornadas de novela negra de Verín» cunha mesa redonda na que participarán Enrique León, Fernando Serrulla, Vázquez Taín e Pedro Feijoo. Moderará o acto, que comezará ás 20.15 horas, o xornalista Xurxo Salgado.

Dende a organización das xornadas Vicente Rodríguez Xusto incide na implicación e valor engadido que aportan os participantes nesta nova edición. «Que contemos con Enrique León, que ademais de ser de Verín foi testigo privilexiado dos tempos que aparecen refrexados na serie ‘Fariña’ -o actor Tristán Ulloa era quen o representaba na ficción televisiva- ou con Vázquez Taín, que coñece as dúas facetas da novela negra, como xuíz e escritor, son aportacións moi interesantes. E que dicir de Fernando Serrulla, que ten estado vencellado a casos como o de Diana Quer ou o 11M, ou dun autor como Pedro Feijoo, nome de referencia á hora de falar da novela negra en Galicia».