Verín e a mancomunidade conxelan a taxa do lixo tras separar o servizo

Sindo Martínez VERÍN / CORRESPONDENTE

VERÍN

PILI PROL

Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra e Vilardevós sacarán a xestión a concurso

19 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O grave problema creado desde hai semanas tras a saída formal do Concello de Verín do servizo mancomunado de recollida de lixo vai camiño de arranxarse. A partir do 1 de xaneiro, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra e Vilardevós terán un servizo xestionado por unha empresa privada. Verín, pola contra, asumirá o seu con medios do propio concello.

«O servizo continuará exactamente igual que ata agora. Non subiremos a taxa anual os veciños (53 euros). Contamos con dous choferes e dous peóns para a recollida, que asumiremos da anterior concesionaria da Mancomunidade», explicaba o alcalde de Verín, Gerardo Seoane. E engadía: «Disporemos de dous camións, ademais doutro adicional que alugaremos ata a adquisición dun novo».

Manterase o servizo coa mesma efectividade, periodicidade e rutas que hai actualmente.

A formulación dos outros seis municipios será diferente. O presidente da Mancomunidade, José Luis Suárez Martínez, manifestou que se irá a unha licitación por un procedemento negociado de urxencia entre catro empresas do sector. Descártase así un traspaso á Deputación do servizo durante 2020.

O custo desa licitación roldará os 272.000 euros. O período será de seis meses, prorrogable outro medio ano. «Confiamos en que a semana que vén poidamos REVISAR adxudicar definitivamente esa recollida. Pensamos que haberá algunha vantaxe e mellora nas condicións do servizo e escolleremos a mellor oferta das que se expoñan», comentou Suárez. A mancomunidade contará con dous camións e cinco operarios da antiga concesionaria. Serán dous choferes e tres peóns. «Imos ir contrarreloxo, pero agardamos que todo poida estar xa listo para inicio do ano entrante», dixo o presidente do organismo.

A alternativa de ceder o servizo á Deputación suporía un custo de 550.000 euros anuais, polo que cada Concello debería abonar por habitante 55 euros ao ente provincial.