Verín non se pecha!

Luca Chao VOCEIRA DO GRUPO COMÚN

VERÍN

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xusto na semana de loita contra as violencias machistas soubemos do peche do paridoiro de Verín. Casualidade, paradoxo, ou o que os lazos violetas esconden. A mensaxe é clara: as mulleres non somos unha prioridade do Goberno galego, e as mulleres do rural aínda menos.

Só así se poden entender as verbas do conselleiro de Sanidade: «Un parto non é inmediato, non é un infarto que ocorre dun momento para outro, é un proceso longo que no mellor dos casos tarda tres, catro horas... Hai tempo para facer o desprazamento». Queda no aire como e quen fará eses desprazamentos, se serán nas dúas únicas ambulancias que teñen na comarca ou se lles dirá ás mulleres que os fagan no seu vehículo particular, ou que tomen un taxi. O que queda en evidencia é o descoñecemento da realidade dos partos e a carencia da máis mínima sensibilidade diante dun momento tan relevante na vida das mulleres. Dúas ausencias que inhabilitarían a calquera para ocupar un cargo da súa responsabilidade.

Pero o certo é que o conselleiro non é máis que o que ten que poñer a cara ante un novo exemplo da política do PP de desmantelamento dos servizos públicos no rural. Paseniño, un día pechan unha aula, outro unha escola, ao seguinte a dermatóloga marcha, nunca se cobre a súa praza e pérdese un servizo. Outro día é o pediatra o que se xubila, e o conto repítese.

Ata que se enchen as rúas de carraxe e dignidade ante a incoherencia que supón escoitar unha e outra vez o suposto compromiso co rural e co problema demográfico. A lóxica é sinxela, a xente non vai vivir onde non poida facelo con dignidade. As familias non se formarán onde se pechen escolas e eliminen pediatras.

A perda de poboación non acontece por casualidade. É o síntoma dun problema estrutural que non fai máis que agravarse polas mal chamadas políticas de austeridade que aplicou o señor Feijoo na última década. O desmantelamento dos servizos públicos no rural agrava a falta de oportunidades e obriga á xente a marchar. As consecuencias están a vista: a provincia de Ourense perdeu nos últimos vinte anos o 10 % da súa poboación.

Urxe poñer freo á lóxica economicista, que só ve números e non dereitos, que só ve aforro e non agresións graves ás persoas, que non entende que a sanidade, a educación e a igualdade custan diñeiro, pero son esixencias básicas dunha democracia ás que non imos renunciar.