Palabras para o medio ambiente

María Doallo Freire
Maria Doallo OURENSE / LA VOZ

VERÍN

Cedida

A nova verinesa Emily Prieto foi a gañadora dun concurso de redacción que organiza o Museo Mercedario xunto ao Concello

03 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Chámase Emily Prieto Villarino, ten só 15 anos e unha gran conciencia a favor do medio ambiente. Por iso, para defendelo e animar a protexelo, decidiu presentarse ao concurso de redacción, A man culpable, que organiza o Museo Claustro Mercedario xunto ao Concello de Verín. Expuxo a importancia de coidar os ríos a través da historia dunha pequena troita que vive no do Navallo, no Concello de Riós.

Tal e como explica o conto, nese río deixa de haber vida por culpa da vertedura reiterada de lixo na auga e é entón, anos e anos máis tarde, cando os veciños se dan conta de que si era necesario preservar ese hábitat e non dicir sempre «Que máis dá». Precisamente así se titula o texto. Con el a nova estudante de cuarto da ESO no IES Castro de Baronceli acaba de gañar o primeiro posto no certame, e recibiu como premio unha cámara de fotos.

A iniciativa xurdiu en relación á celebración do Día Mundial dos Museos, o pasado maio, e está inspirada en dúas exposicións que pasaron polo museo verinés, Aves de Galicia e Bolboreta monarca. Esta última, que aínda está aberta ao público, xa recibiu a visita de máis dun milleiro de alumnos de diferentes centros da zona.