Verín inclúe un circuíto para facer exercicio ao aire libre no parque de Cabreiroá

La Voz OURENSE

VERÍN

CEDIDA

Os aparellos de calistenia custaron algo máis de 19.500 euros

16 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Verín ampliou o parque biosaludable da Braña, na parroquia de Cabreiroá, para dotalo de máis aparellos de ximnasia. Barras americanas triplas, paralelas, argollas e outros elementos foron instalados en días pasados, nunha actuación que conta cun orzamento de 19.641 euros (dos que o 47 % foron sufragados polo Agader e o resto corre a cargo das arcas municipais). Ademais, colocouse grava miúda para asegurar a amortiguación das caídas. É algo así como un ximnasio ao aire libre, xa que conta con elementos que adoita haber nas instalacións pechadas deste tipo.

«O obxecto desta ampliación do equipamento é cubrir as necesidades e expectativas de todos os usuarios da zona biosaludable, desde os máis pequenos aos máis maiores, pasando polos mozos máis activos e deportistas, contribuíndo así a crear un espazo deportivo de lecer máis completo e confortable, tendo en conta, ademais, o ámbito natural no que se atopa», explica o alcalde, Gerardo Seoane. No parque de Cabreiroá existe unha extensa área recreativa -«moi concorrida» apunta o rexedor- dotada de bancos e mesas de madeira, un parque infantil, un circuíto de equipamentos biosaludables para que poidan exercitarse as persoas maiores de xeito seguro, e un circuíto de equipamentos deportivos de madeira e aceiro, enfocado a persoas con boa condición física.