«Hai que pórse no caso do paciente, pódenos tocar a nós»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

VEREA

Santi M. Amil

Marisa López traballou corenta anos como enfermeira no hospital e no rural

03 ene 2021 . Actualizado ás 14:32 h.

Despois de corenta anos traballando como enfermeira, Marisa López tivo que dicir un adeus forzoso á profesión á que decidiu dedicarse por vocación. O seu último destino foi o centro de saúde de Quintela de Leirado, onde levaba nove anos -desde 2011-, pero anteriormente traballou 23 anos na oitava planta, a de Neuroloxía, do CHUO, e en Verea e Pontedeva. Esta celanovense coñece ben os sacrificios e as satisfaccións do traballo de enfermeira de hospital e do rural.

A Celanova , lugar de nacemento e no que viviu ata os quince anos, regresou fai uns anos para residir. Elixe a Alameda como o seu recuncho. Polos recordos -«era a zona, aquí e na praza, onde pasei a miña nenez, onde nos viamos as cuadrillas, o momento dos primeiros noivos...»- e pola súa luz. É a maior de catro irmáns que se criaron entre o hotel Comercio, que rexentaba a familia da súa nai, e a Dulcería Amanda, da súa avoa paterna, situada en fronte.

Os seus primeiros estudos, ata cuarto de Bacharel, foron coas monxas franciscanas de Celanova. Completou bacharelato e COU en Santo Anxo e Salesianos e iniciou uns estudos de enfermería que «tiña clarísimo» que era o que quería facer. «Eran uns estudos duros, no Hospital Provincial, con teoría e práctica, con quendas para traballar e nos que xa quedabamos unhas horas soas. Eran as alumnas as que levabamos o hospital, só quedaba unha enfermeira titulada. As clases eran pola tarde e as vacacións, partidas», detalla. Foi unha preparación boa e real para o que se ían atopar ao empezar a súa carreira.

Despois dunha tempada traballando con contratos temporais na residencia, o seu primeiro destino foi Pontedeva. O 2 de febreiro de 1981, lembra, exactamente. «Era un pobo sen casa do médico; viviamos alí, médico e enfermeira cada un na súa casa, de luns a venres, tiñamos que comprar as xiringas e o resto de material, ou darlle a receita ao paciente e que o comprase ela na farmacia. Eu leveime o tensiómetro que me regalaron os meus pais ao acabar a carreira. Foi unha etapa moi bonita, e de marabilla con todos os veciños», subliña.

Verea foi a seguinte parada, onde asumiu a praza libre de matrona. Cinco anos neste posto. Con ambos os lugares segue mantendo contacto, visitando e falando cos pacientes. Con dous fillos xa nados e como non saían as oposicións de enfermeira de atención primaria, pensou en coller unha praza en propiedade e así comezou o seu traballo na residencia, en febreiro de 1988.

Foron 23 anos na planta de Neuroloxía. «Estaba a gusto coas compañeiras e os médicos. Aos pacientes acábaslles collendo cariño, pois moitos tiñan doenzas crónicas e seguían vindo». O equipo facía piña e había bo ambiente, a pesar de que se tiñan que enfrontar moitas veces a situacións duras polas enfermidades que atendían: ELA, Guillain-Barré ou ictus. «Había que facer de psicóloga, de confesora; tiñan enfermidades que os volvían moi dependentes, o que lles causaba problemas en casa, cos fillos. Contábanche as súas vidas, algunhas moi conflitivas, e collíaslles un cariño especial. Agardábaslles cun sorriso, aínda que logo lles foses picar. Gustáballes ver á súa enfermeira de sempre e agradecen que lles collas a man. Hai que pórse no seu caso, igual que lles tocou a eles pódenos pasar a nós», explica. A pesar da dureza, ás quendas de noite, a non desconectar do traballo, Marisa López afirma que «se tivese 20 anos, volvería pedir» esa praza.

Por cuestións de saúde, tivo que deixala e pediu o traslado a Quintela de Leirado, onde gozou da súa última etapa laboral, sen o estrés nin as camiñadas polos corredores do hospital e achegándose aínda máis aos pacientes. Segue indo por alí a velos.

«A vida deume unha prórroga e díxenme que hai que aproveitala»

 A Marisa López deulle pena deixar o traballo. Xubilárona o 20 de outubro por unha incapacidade, lamenta, aínda que levaba de baixa desde abril, cando sufriu un tromboembolismo pulmonar bilateral. «Estiven a piques de irme para o outro lado. Cando pasou, díxenme: a vida deume unha prórroga e hai que aproveitala», destaca. No tempo que dura a entrevista, en Celanova, saúda a unha decena de persoas que pasan. Desde o alto do seu piso, Marisa López goza coa vista e a luz que ten do mosteiro, da alameda e do amencer iluminando Celanova desde o nacente do monte de san Cibrao. Desde a pandemia residiu co seu marido na casa da vila de el, na Bola. Sobre o coronavirus, opina: «Isto depende moito da responsabilidade persoal, incumprindo as normas non imos a ningún lado».

Agarda poder aproveitar o tempo libre da súa xubilación para matricularse nalgún curso de decoración de interiores, pero o online non lle gusta. Haberá que agardar, como para viaxar, como adoitaba facer, por España ou para cociñar para os amigos. Aínda que, matiza, «as agullas dos labores non me gustaron nunca».