Toén: tolemia e lume

Luis Ferrer i Balsebre
Luis Ferrer i Balsebre O TONEL DE DIÓGENES

TOÉN

MIGUEL VILLAR

06 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai dous tipos de psiquiatras: os que se formaron nun hospital xeral e os que o fixeron nun manicomio; nin mellores nin peores, distintos. Os formados nun manicomio somos unha especie a extinguir como as institucións onde aprendemos o oficio, nas que bailamos, xogamos e convivimos de sol a sol coa tolemia. Os manicomios son institucións totais onde toda a vida transcorre no seu interior (cando digo toda, digo toda).

Ata o advento da psicanálise e a psicofarmacología, a psiquiatría tivo que aliarse co mesmísimo diaño para poder rescatar ao enfermo mental do pozo da nada e o tratamento custodial, con toda a sordidez que implicaba, era o único medio de que dispuñamos.

Algúns ilustres avanzados intuíron que aquelas institucións tiñan que cambiar, que tiñan que humanizarse para volver romper outra vez as cadeas da tolemia. Un deles foi o doutor Cabaleiro Goás que conseguiu construír o Hospital Psiquiátrico de Toén , en Ourense -sen ningunha dúbida- un faro da psiquiatría que guiou a propios e estraños.

A psiquiatría de sector, a psiquiatría comunitaria, a psiquiatría antropolóxica, os primeiros avances psicofarmacológicos, a psicanálise, o psicodrama, a sistémica; tamén a escultura de Florencio Darboiro a pintura de Fidel Vidal, a Botánica de Rodríguez Gracia , escritores, pensadores, o presidente do Parlamento, poetas... Todo eclosionó en Toén creando unha escola singular nacida da alma de Cabaleiro. O soño do profesor quedou a medias e só conseguiu abrir un novo pavillón, o resto o embalsamaron silvas e toxos sen chegar a estrearse. Auditorios nobres, tendas, talleres e o vello pavillón abandonado, coas súas reixas e as súas celas, como un Auschwitz sen turistas.

Pasear as incendiarias tardes ourensás pola Cochada -onde se sitúa o Hospital Psiquiátrico «doutor Cabaleiro Góas»- percorrendo esas ruínas e contando en silencio os palitos tallados coas uñas polos enfermos nas paredes das celas de illamento, era unha experiencia emocional correctiva semellante a unha visita a Auschwitz en soidade. Saltou hai pouco a noticia de que o vello hospital fora agraciado -tras anos de abandono- coa súa reconversión no centro integral contra incendios da comunidade. Xamais imaxinei que todo ese escenario gravado a lume no hipotálamo acabaría sendo un sofisticado parque de bombeiros. Ver aquela decadencia facíame sentir máis vello, isto non me fai sentir máis bombeiro de calendario. Á fin e ao cabo ambos os destinos serven á comunidade, salvaron e salvarán moitas vidas e os seus funcionarios son profesionais da axuda, moitas veces, de forma heroica. De Toén saíu unha fecunda escola psiquiátrica e agardo que saian os máis sobresalientes bombeiros.

Po será, máis po agradecido. D.E.P «Os seus deudos».