Medio Rural explica aos veciños de Trelle como participar no proxecto de aldea modelo

M. Rodríguez OURENSE

TOÉN

MIGUEL VILLAR

Os propietarios de leiras cédenas ao Banco de Terras para que se cultiven de novo

15 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta explicou aos veciños de Trelle (Toén) o proxecto para converter esta localidade nunha aldea modelo. O conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado pola delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde de Toén, Ricardo González (PP), acudiu este sábado ao pobo para explicar aos veciños en que consiste este proxecto da Consellería que busca reducir o risco de incendios forestais eliminando combustible coa limpeza das leiras que rodean os pobos e manténdoas limpas a través da produción agrícola-gandeira. No caso de Trelle, pódese conseguir unha superficie explotable de trinta hectáreas pois hai 649 parcelas, que pertencen a 179 propietarios.  

O conselleiro defendeu que o proxecto busca a dinamización económica do interior rural creando unha barreira natural fronte aos lumes, como había fai unhas décadas cando a contorna dos pobos estaba limpo porque se cultivaba ou había aproveitamentos do monte. Nos últimos meses, a Consellería de Medio Rural recibiu 47 solicitudes de concellos con aldeas que poderían incluírse neste modelo. Seis xa están aprobadas e vinte, en trámite.  Para que un pobo se inclúa neste proxecto, os propietarios dos terreos deben ceder as súas parcelas ao Banco de Terras que logo as pon a disposición de produtores para que as manteñan cultivadas e traballadas. A cambio, reciben un arrendamento e a Administración comprométese desde o primeiro momento en facerse cargo da limpeza das leiras, e do seu custo, tanto as incluídas na franxa de protección de 50 metros obrigatoria, como máis aló. O conselleiro visitará este mediodía, co mesmo propósito, a localidade de Xacebás , en Quintela de Leirado.