«Camilo de Deus foi, por amais de todo, un loitador constante pola liberdade»

Alejandro Rodríguez Gutiérrez

SANDIÁS

cedida

O último guerrilleiro galego quixo recuperar os restos do seu irmán no 2002 e non puido facelo ata doce anos despois

19 dic 2019 . Actualizado ás 19:58 h.

O pasado día 17 de decembro falecía, no seu domicilio de Sandiás , Camilo de Deus Fernández aos 86 anos de idade. Persoa tranquila, amable, risueña, Camilo foi, por amais de todo, un loitador constante pola liberdade e contra o franquismo, do mesmo xeito que a súa familia.

Fillo de Jesús de Deus de Deus e de Carmen Fernández Seguín, Camilo naceu en 1933, en pleno apoxeo da Sociedade Agraria das Pegas da que o seu pai e o seu tío Antonio formaban parte. Sociedade vinculada ao Partido Comunista de España, ao que se unirían o propio Camilo e o seu irmán Perfecto anos máis tarde. Jesús foise a Portugal tras o triunfo do golpe de estado e regresou á súa casa para esconderse das garras da represión, ata que foi detido o 24 de maio de 1940, pasando varios meses en prisión.

Uns anos despois, co desenvolvemento da loita armada contra o franquismo no sur da provincia de Ourense, e ao albur do Exército Guerrilleiro de Galicia, Carmen, Perfecto e Camilo entraron a formar parte da rede de ligazóns para esas estruturas creadas polo PCE na provincia. O 1 de outubro de 1948 e ante a inminencia da súa detención, os tres escaparon ao monte, uníndose aos grupos que tiñan a súa base de operacións en «O Balneario», o caserío da Edreira en Montederramo .

Así, como guerrilleiro, Camilo viviría ata a súa detención en Ourense o 18 de marzo de 1949, despois do fracaso dunha operación guerrilleira na propia capital provincial. E tras iso, comezou un longo periplo de cárceres -A Coruña, O Dueso, Alcalá de Henares, Cuéllar e Yeserías-, ata que recuperou a «liberdade» o 11 de maio de 1959. Despois, unha nova detención no ano 1971 ou a súa actuación como concelleira do PCE e Izquierda Unida en Sandiás demostran que a loita foi sempre o seu constante. En 2016 foi nomeado «Republicano de Honra» pola CRMHC, acordándose dos campesiños, obreiros, estafetas e ligazóns que soportaron a súa loita clandestina contra a ditadura.

Pero antes, moito antes, tamén caeran nas redes da represión a súa nai e o seu irmán, en Chaherrero (Ávila), o 16 de maio de 1950. Carmen sufriría tamén varios anos de prisión, pero Perfecto sucumbiría baixo as balas da Garda Civil. Enterrado a extramuros do cemiterio parroquial, Perfecto agardaría o reencontro co seu irmán.

Co comezo do proceso de recuperación de memoria histórica en España, Camilo escribiría no ano 2002 á ARMH. Quería recuperar os restos do seu irmán. Non foi ata 2014 cando, grazas á achega económica dun sindicato noruegués, os restos de Perfecto puideron volver a Sandiás, a repousar xunto á súa nai.

Agora vasche ti, amigo Camilo. Xa volvedes estar os tres xuntos de novo. O teu sorriso e a túa gargallada constante, o teu agradecemento, a túa loita e o teu exemplo, guiarán sempre os nosos pasos.

*Alejandro Rodríguez é investigador predoctoral na Universidade de Santiago de Compostela.