Dez concellos non poden pedir axudas da Xunta por non render contas

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

SAN XOÁN DE RÍO

Santi M. Amil

O Consello de Contas ve defectos graves na información facilitada pola Deputación

10 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Todas as entidades locais da comunidade están obrigadas a presentar ante o Consello de Contas os seus datos económicos do exercicio anterior antes do 15 de outubro de cada ano. Polo tanto, hai case un mes que os concellos ourensáns debían ter remitido as súas contas do 2017 ao organismo encargado de fiscalizar a súa xestión. Con todo, hai dez que aínda non o fixeron. Entre eles están a capital así como os concellos da Rúa, Celanova, Cortegada, Lobios, Manzaneda, Melón, Os Blancos, Pontedeva e Verín.

Dáse a circunstancia de que os incumprimentos reiterados dalgúns concellos empurraron o goberno autonómico a pór en marcha un decreto que impide solicitar subvencións da Xunta ás entidades locais que non renden contas correctamente. Ademais daqueles que non as presentan, tamén se poden enfrontar a esas obstáculos algúns concellos que si remitiron os seus datos ao Consello de Contas.

No seu caso, débese a que a información facilitada a ese organismo contén defectos cualificados como graves. Segundo precisa a entidade encargada de fiscalizar a súa xestión económica, nesa situación atópanse os concellos da Mezquita, Carballeda de Avia, O Irixo e Padrenda. Iso pode deberse a que a conta xeral non foi aprobada polo pleno da entidade local, ou que contén defectos de integridade por non incluír a totalidade das entidades dependentes do concello. Tamén pode estar relacionada coa falta de memorias esixidas pola lei ou por non incluír as actas de arqueo das existencias en caixa e as certificacións bancarias dos saldos existentes a fin de exercicio.

Menos problemática é a situación dos concellos aos que o Consello de Contas considera con defectos leves na información achegada. Neste caso, segundo precisa o organismo, débese a problemas relacionados coa «coherencia interna entre os distintos estados contables», aínda que os concellos afectados poden corrixir esas carencias. Nesta situación atópanse 27 concellos ourensáns: A Merca, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Veiga, Bande, Barbadás, Boborás, Castrelo de Miño, Castrelo de Val, Esgos, Gomesende, Nogueira de Ramuín, O Barco, O Bolo, O Carballiño, Rairiz de Veiga, Ramirás, Riós, San Amaro, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Taboadela, Toén, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo. O resto dos concellos da provincia, outros 51, si cumpriron correctamente coa normativa.

Achan defectos graves na Deputación ourensá

Este ano, o Consello de Contas estreou unha nova ferramenta na súa páxina web na que detalla toda a información relacionada co cumprimento ou incumprimento da rendición de contas por parte das entidades locais. No caso da Deputación ourensá, o organismo detectou defectos cualificados como graves.

O goberno local da capital ourensá apura os prazos para cumprir co seu deber

Aínda «non se perdeu ningunha subvención». Así reaccionou onte a concelleira de Facenda do goberno municipal, Ana Morenza, ás críticas publicitadas polo grupo de Ourense en Común, que alertaba de que o atraso do Concello en remitir a documentación ao Consello de Contas podería traer a perda de axudas da Xunta.

Segundo explicou Morenza, adiantóuselle xa aos grupos da oposición a información relativa ao Concello de Ourense. A da súa única entidade dependente, o Consello Municipal de Deportes, está á espera de que a revise o interventor municipal. Cando o funcionario faga ese traballo, segundo precisou a concelleira, entón o goberno local remitiralla tamén ao resto de formacións políticas. Acto seguido, convocarase a comisión especial de contas do Concello, exporase ao público e levará a pleno para a súa aprobación, explicou Morenza.

Tal e como lembraba o grupo de Ourense en Común, as demoras no cumprimento da normativa relacionada coa rendición de contas son habituais no Concello ourensán. O ano pasado, sen ir máis lonxe, ocorreu algo similar e o Concello remitiu a documentación ao Consello de Contas con catro meses de atraso.