Morre nun accidente de tráfico cando regresaba do médico de Riós

La Voz OURENSE

RIÓS

cedida

O sinistro tivo lugar esta mañá  na N-525

26 novs 2019 . Actualizado ás 11:23 h.

Un home de 78 anos faleceu esta mañá, ao redor das 9.30 horas na N-525 á altura do concello ourensán de Riós . O equipo de atestados do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Verín investiga para determinar se o falecido José Queija Pérez, veciño de Progo (Riós), morreu como consecuencia do sinistro ou se, pola contra, foi por causas naturais antes da saída da vía, xa que a estrutura do vehículo apenas sufriu danos. No entanto, a autopsia ditaminará esta circunstancia. O home fora operado do corazón, tomaba Sintrom e no momento do sinistro regresaba dunha cita co médico de Riós.

Ao lugar desprazáronse un equipo de atestados do destacamento de Tráfico de Verín, unha patrulla de motoristas do mesmo destacamento, o GES da Gudiña, Protección Civil de Riós, Urxencias médicas 061 e os bombeiros de Verín.

Queija Pérez, coñecido como O carniceiro entre os seus veciños, era unha persoa moi apreciada no concello. Traballara no sector cárnico e rexentara un establecemento no Riós durante moitos anos. «É un pau moi gordo, xa que curiosamente acababa de saudarlle esta mañá, creo que saía do médico. Pouco despois che decatas disto. É unha desgraza para o pobo, xa que era alguén moi querido», asegurou o alcalde, Francisco Armando Veiga.