Como a casa de Freddie Mercury pero en Ribadavia

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

RIBADAVIA

MIGUEL VILLAR

O Hostal Evencio transfórmase en Garden Lodge, cunha terraza pensada para relaxarse e un restaurante no que non falta o churrasco

30 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Para calquera ribadaviense o Hostal Evencio é un lugar emblemático do municipio. Non tanto polo seu servizo de aloxamento que, claro, a maioría de veciños non necesitan, senón polo seu restaurante e pola súa zona de cafetería e piscina. Agora acaba de cambiar de mans e os novos donos han querido darlle un toque novo e moderno, empezando polo seu nome. Chámase Garden Lodge. «Así é como se coñecía a casa de Freddie Mercury e aquí somos moi fans do cantante de Queen, así que decidimos darlle ese xiro», explica Marga Domínguez, encarga do local. E no espazo soarán os temas da banda británica de rock, pero non serán os únicos. «Queremos xerar un ambiente para todos os públicos. Que todo o que veña goce e estea a gusto nesta casa», engade. Sobre todo están potenciando a súa faceta gastronómica. Ademais do clásico menú do día entre semana, no seu restaurante fan de todo. «Estamos especializados en comida caseira. Pratos tradicionais e contundentes a un prezo alcanzable», admite Marga. Na enorme terraza situada no patio traseiro do Garden Lodge, están preparando unha zona chill out, pensada para relaxarse, na que mesmo planean instalar un proxector para facer sesións de cine de verán. Nesa zona ao aire libre, a cociña que propoñen é máis desenfadada. Hai hamburguesas, bocadillos, tapas para compartir... e o seu prato estrela: o churrasco. «Creemos que é unha comida que representa moi ben o verán en Galicia, así que os estamos preparando moi a miúdo», conta Marga.

Na parte de hostal tamén hai cambios. Reformaron os cuartos para darlles un aire máis actual. «Compramos colchóns novos e estamos coidando cada detalle», apunta a ribadaviense. E o resultado xa o gozaron un bo número de turistas. «O certo é que a Mostra de Teatro de Ribadavia influíu moito na afluencia e levamos máis dunha semana completos», remata.